«Hai adolescentes que se beben unha botella de tequila coma se fose Fanta»

Dolores Cela Castro
dores cela LUGO / LA VOZ

LUGO

cedida

A Federación Provincial de Pais de Alumnos de Lugo buscou o seu asesoramento

21 abr 2017 . Actualizado ás 16:35 h.

Os pais con fillos adolescentes están preocupados por como enfocar as súas primeiras saídas de noite e como previr o consumo de drogas e de alcol. Para darlles algunhas claves a Federación Provincial de Asociacións de Pais de Alumnos de Lugo, que pertence a Concapa, invitou o psicólogo Carlos Piró Ripoll a dirixir un seminario para abordar este tema. Será o sábado, a partir das nove e media da mañá, no salón de actos da Deputación.

-Que abordará?

-Falarei de que hai que facer e que non nas primeiras saídas exteriores; que vixiar e que non e que cousas hai que coidar. Hai que ter en conta que os fillos, a partir dos 13 ou 14 anos empezan a ter o seu mundo de lecer particular cos seus iguais e han de saber manexarse os mellor posible.

-Hai que pórlles hora para volver a casa como antes?

-Aínda existe ese tipo de criterios. A familia europea é cada vez máis variada. Uns establecen hora, outros diñeiro, o lugar no que van estar ou a forma na que van moverse. Non é tan simple como fai dúas xeracións, que estaba todo marcado pola hora e o castigo.

-Cambiaron tanto as cousas ?

-A situación agora é máis complexa porque a sociedade non é monocorde nin tan homoxénea. O mundo exterior é menos plano e están a primar situacións de risco que antes non existían. As drogas son a punta do iceberg. Está tamén o acceso ás redes e aos medios de comunicación. O prohibido non está tan marcado. Antes o acceso a cousas privativas do mundo adulto era máis complicado que agora.

-Cales son as claves?

-Nin permitir nin prohibir simplemente. Hai que facerlles entender a necesidade de abrirse ao mundo exterior. Que pacten cos fillos cando, como e por que. Que nas primeiras veces fagan un seguimento e que establezan vías de comunicación máis ti a ti e menos xerárquico. Os fillos han de poder expresar cousas da idade aos seus pais e saber que non os van reprender por querer coñecelas.

-Os pais deberían acordarse da súa propia adolescencia?

-No fondo, adolescencia houbo sempre. É algo universal que atravesa todo o mundo. Se a propia pode servir de referencia, por que non ? Pero hai que ter en conta que agora hai máis liberdade, máis risco e un sentido da responsabilidade máis diluído. É importante ligar o sentido da responsabilidade ao da liberdade. Queres reconquistar o teu tempo? Vale. Eu lexitimo unha nova realidade, pero coa esixencia de que hai que executala de forma responsable, e non vale todo. Se suceden cousas que non están ben, ten que responder por elas.

-Cales son as claves para previr o consumo de drogas?

-O seu consumo tamén evolucionou nas últimas décadas. Pasamos da heroína que levou por diante a boa parte dunha xeración e estamos nunha situación de consumos experimentais. Pero pode irse das mans. Hai outro problema, que non se dan alternativas á diversión que non pasen polo consumo, cun desconcerto sobre os efectos. Non é o mesmo unha cervexa que un cristal de éxtase, nin un tripi que fumar dous cigarros. O descoñecemento do mundo que se vai atopar iguala todo e todo é consumible. Atópasche a rapaces que se beben unha botella de tequila coma se fose unha Fanta. O Plan Nacional de Drogas fai fincapé no alcol, que forma parte do lecer e diversión da sociedade e no cannabis, que está rodeado dunha aureola de bondade e non perigo, ao que os rapaces dan unha característica de risco-beneficio mellor que o tabaco.

-Como hai que reaccionar ante un fillo que chega ebrio ou drogado?

-Se é nas súas primeiras saídas, o primeiro que ten que entender é que podería suceder. Non é o momento máis idóneo para abordar a situación. O mellor é mandalo para a cama e ao día seguinte falalo. Se se repite máis veces, estamos a falar dun problema. Eu sacaríao do ámbito das relacións familiares e levaríao ao especialista porque estamos a falar de máis cousas. Podería ser que fose o único xeito de desinhibirse e integrarse no grupo ou que ten algún problema interno e busca unha vía de evasión...