A estratexia do ataque preventivo sobre o presunto rival electoral

LUGO

02 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

«O político é un manequín ao que vestimos os xornalistas», escribiu Umbral cando principiaba 1997. Umbral , cronista embozado de bufanda, sabía moito de políticos á caza de escribidores que os vistan. En Lugo, o cidadán do montón ten moi claro isto dos políticos e os xornalistas. O lucense abacelado no bar é un cronista fino que descubriu fai moito que «o papel terma do que lle poñen». E como é así, hai toda unha lista de desinformados empolicados ás poltronas do poder, desde as que conducen á cidade e a provincia ata o coñecido estado de bonanza en que se atopa. Peor aínda: torpedean a credibilidade da imprescindible política e van deixando desencanto e semente de fascio.

En Lugo, na política de Lugo, dispárase a sospeita e a acusación contra o rival electoral, mesmo cando o rival aínda só é presunto rival. O acordo da Deputación reprobando a Ramón Carballo, subdelegado do Goberno, por unhas declaracións escasamente afortunadas, é un claro exemplo de por onde van as cousas e de como hai políticos que só existen porque os visten os xornalistas. Talvez non teña nada que ver no acordo promovido polos socialistas o feito de que Carballo é a mellor carta do PP para sacar ao PSOE da alcaldía de Lugo. E o máis curioso é que Carballo non está nada polo labor de queimarse na fogueira das vaidades municipais. Talvez por iso, como xa se dixo aquí nalgunha outra ocasión, o PP foi deixando o seu congreso local para despois de despois. Por iso, e quizais tamén porque Castiñeira non matizou aínda o seu expresa decisión de exercer como portavoz municipal ata o final do mandato.

Como «o papel terma do que lle poñen», cobran corpo político personaxes e personajillos chegados aos cargos públicos, e á súa periferia, en non poucas ocasións coa inquedanza que provoca o desemprego. É a perversión da política convertida en refuxio de invernos laborais, plataforma de cotización para xubilacións impensables doutro xeito e así. Poñan os lectores e lectoras os nomes que queira; verá que Umbral non se equivocaba: «Un gran político é calquera tipo audaz glosado por un bo xornalista».