Volve a casa a cegoña consentida de Fomento

Xosé Carreira LUGO / LA VOZ

LUGO

A ave e o seu niño salváronse das pas cando se fixo a rotonda da estrada de Santiago, nas Arieiras

18 ene 2017 . Actualizado ás 11:31 h.

Hai xa uns días que volveu a casa a cegoña máis consentida de Galicia por parte do Ministerio de Fomento. Tomou posesión do niño que deixou provisionalmente hai uns meses nun poste que se salvou das pas cando se fixo a ligazón da LU-12, a mini autovía que une a N-540, nas Arieiras, coa A-54 na zona de Vilamoure, todo no municipio de Lugo.

Algúns ornitólogos aseguran que se trata dunha das cegoñas máis urbanitas que chega á provincia. O seu «chalé», construído cunha chea de delgados paus, está a menos de cinco quilómetros do centro. «Realmente só temos constancia doutro tan próximo á cidade. É o dun exemplar que, desde hai anos, aniña na N-VI , á entrada da cidade na parroquia de Meilán. Está nunha zona moi transitada, xusto antes dun punto onde adoita pórse o radar de Tráfico», explicou onte un experto en cuestións ornitológicas.

A mini autovía das Arieiras/A Louzaneta foi inaugurada no mes de agosto de 2015. Cando se executaron as obras da xigantesca rotonda, os padeeiros atopáronse co niño e a cegoña. O director da obra e outros responsables da mesma mandaron parar para estudar a situación. Nalgún momento pensaron en quitar o poste e pólo noutro lugar, pero non era plan porque, por aquel entón, a zancuda estaba xa asentada no niño.

Finalmente optaron por preservar o báculo co niño no emprazamento que tiña, aínda que houbo que facer algún tipo de manobra consistente en atrasar a capa de asfalto ao redor dun metro. Segundo contou un técnico de Fomento o día da inauguración do viario, houbo sorte de que o niño non se atopaba no traxecto dos carrís de saída cara a Santiago e Ourense, porque senón non sería posible mantelo en pé no lugar.

Nicolás López, técnico da Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO), advirte que os niños tamén son obxecto de protección. «A época reprodutora é fundamental para a conservación de especies protexidas, como a cegoña. Tanto a Directiva de Aves como a Lei 42/2007, establecen a protección da cegoña branca, os seus pitos e os seus niños. A retirada dos mesmos só se pode autorizar de forma xustificada, despois de ter cumprido unha serie de criterios estritos e unicamente se non existe unha alternativa satisfactoria», destaca o experto. As autorizacións, que debe conceder a Xunta, teñen que respectar escrupulosamente o período de recría, din os ornitólogos.

Varios técnicos barallaron a posibilidade de mover o poste a outro lugar

Os ornitólogos advirten que os niños de cegoña non poden ser esnaquizados