A policía xudicial analiza o vídeo da espectacular pelexa xuvenil no centro de Lugo

La Voz LUGO

LUGO CIDADE

CEDIDO

As forzas de seguridade  recibiron nos últimos meses avisos de que que menores organizaban encontros violentos a través das redes

24 oct 2016 . Actualizado ás 15:03 h.

A difusión dun vídeo dunha pelexa de mozas, seguida por máis de medio cento de adolescentes, xerou unha gran  preocupación entre colectivos de pais e tamén dalgúns profesores de centros educativos. A confrontación entre os adolescentes tivo lugar en pleno centro histórico de Lugo a plena luz do día sen que ninguén a freou. Foi no recinto do canil do Cantiño, ao pé da muralla, cuxo muro interior serviu de bancada para bastantes espectadores.

As forzas de seguridade recibiron nos últimos meses avisos de que grupos de menores organizaban pelexas a través das redes sociais. Algunha delas, celebrada no mes de setembro, parece que chegou a ter máis dun centenar de espectadores, todos eles menores. En todos os casos, case todos os asistentes gravan as confrontacións e despois soben ás redes sociais.

O vídeo da pelexa do Cantiño, sobre o cal xa se interesaron medios de comunicación de toda España, comezou a ser analizado esta mañá por axentes da policía xudicial da comisaría de Lugo. Parece que xa estarían identificados algún dos menores que ven nas imaxes. De todos os xeitos, fontes policiais advertiron que non fora presentada ningunha denuncia por parte de ningún pai. Tampouco denunciou, evidentemente, ningún dos contendentes. Algúns pais mostráronse alarmados e pediron solucións urxentes por parte das forzas de seguridade. Explicaron que dificilmente poderían chegar a presentarse denuncias se non coñecían o que estaban a suceder.