A auténtica vocación de todo escritor

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa PERIFERIAS

FUGAS

21 abr 2017 . Actualizado ás 05:15 h.

Desde Homero (polo menos) ninguén se toma moi en serio o oficio de escritor, quero dicir que a sociedade biempensante considera que escribir non é un oficio respectable, senón un pasatempo. Por iso nas entrevistas sempre se lle pregunta aos escritores a que quererían dedicarse se non elixisen a literatura. Parece que é unha pregunta hipotética, pero o que está a dicir o interrogador é, a ver, agora en serio, se vostede tivese que escoller un traballo de verdade, onde gustaríalle gañarse o pan coa suor da súa fronte. A un funambulista, a un cirurxián torácico ou a un habilitado de clases pasivas nunca lle preguntarían por ese traballo bis ou alternativo.

Como xa é tradición preguntar aos escritores que lles gustaría ser de maiores se se tomasen en serio a vida como adultos responsables, temos unha longa lista de respostas. Cada cal, máis provocadora e irreverente, claro. A Cela, por exemplo, un día deulle por dicir:

-O que de verdade me gustaría é que me fixesen arcebispo de Manila para poder ir pola rúa rodeado dun coro de monaguillos capóns cantando en tagalo os encomios do noso Señor.

A Faulkner gustáballe responder que o segundo mellor traballo do mundo, despois de escritor, era o de proxeneta. Isto facíalle moita graza a Leopoldo María Panero, que o repetía sempre nas entrevistas de TVE máis que nada para asustar ao presentador, porque a vocación última do poeta foi a de preparar unha Guía Campsa dos manicomios de España.

En realidade, como todos os escritores son uns zascandiles, a auténtica vocación de todo escritor é ser paseante profesional, como Robert Walser. En francés soa máis fino e ao narrador andarín chámanlle flâneur. A saga de autores que se dedican a camiñar pola súa cidade non se acaba nunca. Descubrimos agora a David Wagner, que patea sen pausa Berlín, por onde xa vagaron Franz Hessel ou Walter Benjamin. Wagner cóntao en De que cor é Berlín (Errata Naturae), con frases como esta:

-Son un glóbulo vermello. A cidade é o meu corpo.

Esa, e non outra, é a vocación de todo escritor.

AUTOR DAVID WAGNER EDITORIAL

ERRATA NATURAE

208 PÁXINAS; 18 EUROS