En Ribas de Sil serán postas á venda dúas toneladas de cereixas

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

RIBAS DE SIL

A próxima edición da feira de exaltación do froito celebrarase na praia fluvial de San Clodio os días 3 e 4 de xuño

27 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Na sede da Deputación provincial presentouse onte a edición número quince da Festa dá Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil, que se celebrará os días 3 e 4 de xuño. No acto tomaron parte o alcalde Miguel Sotuela, o deputado de Relacións Institucionais Álvaro Santos e o produtor Miguel González. A nova edición da feira financiarase con 9.000 euros, dos que 6.000 son achegados polo organismo provincial e o resto polo Concello. No festexo poranse á venda máis de 2.000 quilos de cereixas e uns 250 litros de aceite.

O programa de actividades empezará o día 3 pola mañá coa apertura do recinto feiral na praia fluvial de San Clodio. Ás 18 horas inaugurarase unha exposición pictórica de alumnos da escola municipal e celebrarase unha xornada de pintura ao aire libre. Ás sete e media haberá un torneo de fútbol que será seguido dun baile animado por un grupo musical.

Para a xornada do domingo está prevista unha concentración de automóbiles antigos e un festival folclórico -a partir das doce do mediodía- co grupo de gaitas da escola musical local e o grupo Os Xograres de Lemos. Á unha será pronunciado o pregón, que este ano estará a cargo do alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián. Pola tarde, a partir das cinco, haberá unha demostración de artesanía en coiro e un taller infantil desta técnica dirixido polo artesán Fernando Pena. Ás sete, a compaña de teatro de marionetas Trécola representará a obra Lolo e a ratoa.