«Africano», o burro máis rápido de Escairón

Aris González, C. Cortés

O Saviñao

Carlos Cortés

A carreira de asnos do Saviñao bateu marcas de participación na súa 64.º aniversario

05 ago 2015 . Actualizado ás 08:12 h.

O campo de fútbol de Escairón, no municipio lucense do Saviñao, converteuse por un día en algo parecido ao hipódromo inglés de Ascot. E aínda que aquí non había limusinas nin extravagantes chapeus, nin moito menos cabalos, o ambiente era moi similar. Unhas 2.000 persoas animaban desde os palcos e desde o campo aos xinetes e aos seus particulares animais: os burros. Foi na 64 edición da tradicional carreira de burros de Escairón que se celebrou onte no último día das festas da localidade.

Este ano o número de participantes bateu marcas. Case cincuenta burricáns foron anotados cos seus correspondentes montadores. Viñeron de dez municipios e de tres comunidades distintas: Galicia, Asturias e País Vasco. E que é o que animou aos nosos particulares jockeys a correr? A maioría coinciden en que pasalo ben, divertirse e non caerse. «Acábanme de lear. Nunca subín a un burro nin a un cabalo pero ao final animeime», confesa Sandra López, unha das participantes.

Chegaron á final os dous primeiros de cada un das cinco roldas previas. Despois dalgunhas caídas, saídas antes de tempo e de burros que se resistiron a completar o percorrido, Igotz Bilbao, de tan só 11 anos, e o seu burro Africano fixéronse co triunfo absoluto na última proba. É a primeira vez que compite en Escairón e aínda que saíu de último puido remontar e proclamarse campión. Aníbal Linares, de Llanes, e Rocky III foron os segundos en cruzar a meta. Este xinete xa gañou en Escairón tres veces consecutivas. «Fun dous anos campión de España e competín en Italia a nivel mundial», engadiu. O terceiro foi Sergio Freire, vencedor do ano pasado, coa súa Dinamita. Tamén houbo unha categoría local, que ocuparon Isaac Losada, de Escairón, e o seu burro Genaro.

A proba

Xinetes de todas as idades. Desde veteranos a nenos.

Máis homes que mulleres. Cinco mulleres entre 44 homes.

Os premios. 200, 100 e 50 euros para os primeiros e 40 por cada burro.