A directiva en funcións do Club Fluvial pide aos socios que se definan

Luis Díaz
luís díaz MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Unha asemblea decidirá que medidas adoptar tras as anulación das eleccións

19 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A asemblea xeral cuxa próxima convocatoria avanzara días atrás a directiva en funcións do Club Fluvial de Monforte xa ten data de celebración. Os socios están citados nos locais da entidade o venres 26 de maio. A reunión, cuxa hora de inicio foi fixada para as oito da tarde, non será de mero trámite. Sobre a mesa está o futuro inmediato da institución, nun momento no que ninguén parece interesado en levar as rendas.

O último proceso electoral foi desconvocado por falta de candidaturas, o que obrigou á directiva saínte a continuar en funcións. Esa situación de eventualidade, con todo, non se pode prolongar de forma indefinida. «Unha directiva en funcións ten limitados os seus labores e non vas convocar unha asemblea de socios cada vez que haxa que tomar algunha decisión», sinala Luisa Vázquez, presidenta aínda do Club Fluvial.

A directiva que gañou as eleccións celebradas fai catro anos nesta sociedade estaba disposta a ceder a testemuña. Tras a errada convocatoria electoral, aceptou continuar en funcións para que o Club Fluvial non quedase sen ninguén á fronte. Pero a interinidade non pode manterse máis tempo sen que a asemblea xeral tome unha decisión. «Nós non imos levar ningunha proposta á asemblea, son os socios os que deben decidir que se fai», di Luisa Vázquez.

A asemblea pode ratificar á actual directiva en funcións, que así deixaría de estar condicionada na toma de decisións. Outra alternativa sería optar pola convocatoria dunha nova consulta electoral coa esperanza de que esta vez apareza algunha candidatura.

A directiva en funcións entende que é o momento de reflexionar colectivamente sobre o futuro do Club Fluvial e anima aos socios a asistir á próxima asemblea. «As instalacións teñen cincuenta anos e esa antigüidade fai necesarios investimentos. Non podemos é estar a avalar tres persoas créditos e pólizas», di a presidenta.