Un concelleiro do Courel retransmitirá en directo por Facebook o pleno de hoxe

La Voz

FOLGOSO DO COUREL

É a primeira vez que se fai algo así na provincia de Lugo. O concelleiro de C\urel Vivo utilizará o seu teléfono móbil para retransmitir a sesión, na que se debaterán medidas para suavizar o impacto do catastrazo.

28 abr 2017 . Actualizado ás 13:10 h.

O Concello de Folgoso do Courel será o primeiro da provincia de Lugo en retrasmitir mediante vídeo e en directo un pleno municipal. Non se trata dunha iniciativa institucional do propio Concello, senón dun de Óscar Carrete, o portavoz de C\urel Vivo, unha das dúas formacións que integran a oposición municipal. 

Carrete proponse utilizar un teléfono móbil que recollerá de todo o que suceda durante o pleno e emitirao ao instante mediante Facebook Live, a aplicación para transmitir vídeo en directo a través desta rede social. A retransmisión poderase seguir a través da conta oficial de C\urel Vivo en Facebook.

O pleno desta tarde está convocado para as oito e media da tarde. Trátase dunha convocatoria ordinaria na que tanto C\ourel Vivo como o PSOE defenderán diferentes iniciativas en torno ao imposto de bens inmobles (IBI). Estes dous grupos políticos denuncian o impacto que está a ter neste municipio a última revisión catastral e a consecuente subida deste imposto e reclaman medidas para reducir as tarifas que teñen que pagar os veciños.