Este bo exemplar de hórreo de cantería vaise vir abaixo... se ninguén o remedia

carlos cortés / roi fernández CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

ROI FERNÁNDEZ

Un antigo almacén de pedra sostense nunha posición inverosímil desde os vendavais de febreiro

12 abr 2017 . Actualizado ás 21:17 h.

Os vendavais deste inverno deixaron un regueiro de desfeitas por todas partes. A maior parte dos danos sufríronos bosques e plantacións forestais, pero tamén quedaron tocadas algunhas construcións antigas. Hóuboas que viñeron abaixo directamente, como lle pasou en pleno centro urbano de Chantada ao antigo pombal de Mosteiro, na parroquia de Pedrafita, derrubado polos fortes refachos de vento da noite do 3 de febreiro. Outros non chegaron a caer, pero a súa estabilidade quedou seriamente comprometida. É o caso dun bo exemplar de hórreo da aldea chantadina de Perlada, que aquela mesma noite se inclinou e agora parece que en calquera momento se vai a vir abaixo.

Trátase dun hórreo de tamaño medio, de estrutura construída integramente en pedra e que aparentaba un bo estado de conservación. Atópase nunha leira que ao parecer é propiedade de tres persoas diferentes que non viven nesta aldea da parroquia de Merlán. Ningún deles parece ter tomado a iniciativa de chamar a un canteiro para que o endereite, así que o hórreo leva dous meses nun equilibrio absolutamente precario.

Neste tempo, algún veciño chegou a pensar en colocar el mesmo uns traveseiros de madeira como soporte para evitar a caída, pero acabou desistindo por temor a que o hórreo se caia igual e alguén lle poida reprochar ter empeorado as cousas.

O hórreo de Perlada é un exemplo que resulta extremo porque resulta difícil de crer con esa inclinación aínda non se derrubou, pero non é o único. Ao moi deteriorado pombal de Soto, situado en pleno centro urbano de Chantada tampouco lle axudaron en nada os vendavais deste inverno. Con todo, leva anos resistindo a pesar de que se atopa nun estado lamentable.