Morre un home desangrado cando cortaba un piñeiro en Carballedo

carlos cortés / roi fernández CHANTADA / LA VOZ

CARBALLEDO

roi fernández

Ninguén puido axudarlle porque estaba a traballar só e sen teléfono móbil

13 ene 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Un home morreu por mor dun accidente forestal ocorrido o mércores no municipio lucense de Carballedo. No momento en que sufriu o contratempo, estaba a traballar só e non levaba amais un teléfono móbil, así que non puido pedir axuda. A falta de testemuñas directas do ocorrido complica a reconstrución do sucedido, aínda que todo apunta a que a vítima se desangrou tras sufrir un corte fortuíto nunha perna cando troceaba un piñeiro.

O falecido é José Manuel González Lorenzo, de 53 anos e veciño dunha aldea próxima. Foi a súa muller quen o atopou xa sen vida á primeira hora da noite nunha estrada próxima á leira na que estaba a traballar, coma se intentase ir en busca de auxilio polo seu propio pé e non puidese pasar de alí.

O accidente produciuse nalgún momento da tarde, cando o home seccionaba en diferentes anacos o tronco dun piñeiro tallado previamente. A Garda Civil investiga se un rozamento desafortunado cunha rama ou un anaco de madeira provocoulle unha hemorraxia fatal.

O lugar no que traballaba é unha leira particular situada a menos dun quilómetro de Fente e A Lama de Fente, os dous lugares poboados máis próximos. No lugar no que se produciu o contratempo quedaron os restos do piñeiro que cortaba a vítima e un charco de sangue. Os primeiros indicios apuntan que o corte lle afectou algunha vea ou arteria esencial e a hemorraxia posterior foi tan intensa que morreu antes de que lle dese tempo a chegar á súa casa ou a atoparse con alguén que puidese axudalo.

Ao ver que non volvía, a súa esposa saíu a buscalo e a iso das nove da noite atopou o seu corpo xa sen vida xunto á estrada que une A Barrela e Furco. Estaba a uns cincuenta metros do lugar no que se produciu o accidente.

Un fillo na SD Chantada

José Manuel González Lorenzo vivía coa súa esposa e os seus dous fillos na aldea de Fente, pertencente á parroquia de Santa Cristina. Era unha persoa moi querida en toda a parroquia e os veciños están consternados polo ocorrido.

A súa esposa traballa no servizo de axuda a domicilio do Concello de Carballedo e un dos seus fillos é o futbolista da SD Chantada Albertito. os seus compañeiros do persoal, o corpo técnico e a directiva do club chantadino foron a darlle o pésame á familia onte ao velorio da funeraria da Barrela, que se abriu á unha da tarde despois de que o corpo chegase de volta de Lugo, onde lle foi practicada unha autopsia.

O funeral celebrarase esta tarde. A comitiva fúnebre sairá ás cinco e media da tarde da Barrela en dirección á parroquia de Santa Cristina, onde se oficiarán o funeral e o enterro.