Seis feridos nun choque múltiple no corredor de Monforte a Lugo

La Voz

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

O accidente produciuse preto de Oural e houbo catro vehículos implicados

27 jul 2017 . Actualizado ás 18:28 h.

Seis persoas resultaron feridas de carácter leve nun choque múltiple que se produciu ao redor de únaa menos dez da tarde de hoxe no corredor de Monforte a Lugo dentro do termo municipal de Sarria. No accidente, que tivo lugar á altura do quilómetro 30 deste viario -sobre o viaduto do río Pequeno e nas proximidades de Oural- estiveron implicados catro vehículos. Tres dos feridos foron trasladados a Lugo para recibir atención médica, dúas deles ao Hula e o outro ao Polusa. Os axentes de Tráfico realizaron unha proba de alcoholemia a un dos condutores, que deu un resultado negativo.

Os vehículos implicados no choque foron un Peugeot 307, un Peugeot 308, un Opel Corsa e un Mercedes clase E. Os tres primeiros circulaban en dirección a Lugo, mentres que o último o facía en dirección a Monforte. Dous destes vehículos sufriron unha colisión frontolateral e os outros dous resultaron afectados por alcance. O Peugeot 307 chocou contra o valo do viaduto e sufriu serios danos materiais. A circulación seguiu aberta neste tramo, aínda que a Garda Civil de Tráfico cortouna alternativamente en cada carril da estrada para permitir o paso de vehículos.