A directiva do Lemos convoca unha asemblea de socios o día 11 de agosto

La Voz

LEMOS

LUIS CONDE

27 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A nova xunta directiva do Club Lemos que encabeza Óscar López convoca aos socios a unha asemblea que se celebrará o próximo 11 de agosto ás oito e media da tarde no salón de actos no pavillón municipal da Pinguela.

Nesta reunión, os reitores presentaranse en sociedade e informarán da situación financeira na que se atopa o club. Darán a coñecer á masa social o orzamento da próxima campaña e o proxecto deportivo.

Polo que respecta ao tema deportivo, o persoal conta a estas alturas do verán cun total de dezaseis futbolistas -uno está pendente de pechar o acordo co presidente-. Os quince restantes son os seguintes: Gonzalo Torres, Roberto Varela, Borja Rodríguez, Marcos Blanco , Adrián Armesto, Miguel Rodríguez, Adrián Antas, Diego Arias, Arturo Vila, Lucas Costa, Sergio Guitián, Hugo Madarnás, Anthony, Adrián Castañer e Emilio. Os dous xogadores que estarán a proba son Javi López e Ismael.

Un porteiro e un central

O club intentará pechar a contratación antes de que comecen os adestramentos -o Lemos levantará o pano o vindeiro martes- dun defensa central e dun porteiro. A idea é confeccionar un persoal con vinte futbolistas.

A xunta directiva xa comezou a súa campaña de captación de socios. A idea dos novos reitores da entidade é superar o medio milleiro -esta tempada apenas abonaron o carné uns douscentos socios-. Para iso intentaron adaptar os prezos dos carnés á nova situación. O custo dun carné sénior ascende a 50 euros.

No club están contentos de como van respondendo, sobre todo as firmas comerciais. A maioría das que visitaron aceptaron colaborar coa entidade monfortina.