O Parque dous Condes convértese nunha sala de cine ao aire libre

MIRIAM SALGADO / F. ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

FRANCISCO ALBO

Proxección de películas no parque e personaxes de «Star Wars» polas rúas

25 jul 2017 . Actualizado ás 13:30 h.

O FanCine de Lemos regresa por cuarto ano consecutivo a Monforte aínda que, esta vez, a edición conta cun atractivo especial: o cine sae á rúa. O festival de cine de terror e fantasía comezará o xoves 27 coa gala de apertura que se celebrará na Casa de Cultura ás sete e media da tarde. Ese mesmo día o público poderá ver, no mesmo lugar, oito das 24 curtametraxes que foron seleccionados de entre os máis de 250 que participaron no concurso organizado polo Fancine de Lemos.

Durante estes catro días haberá, tanto na rúa Cardenal como en praza de España, distintos postos de información e casetas nas que se venderán artigos promocionais xa que, a pesar de que FanCine conta cun orzamento aproximado de 10.000 euros provenientes de investidores privados, non cobrarán entrada por ningunha das actividades organizadas.

Ás dez da noite a pantalla compartirá o seu papel de protagonista coa música a través da actuación de Fran Rey , pianista de cine mudo que, ademais de dar un concerto no que interpretará varias secuencias de cine fantástico, tamén ofrecerá unha explicación sobre este oficio xa case esquecido.

Cine na rúa

Tras esta actuación proxectaranse dúas das catro películas que o público poderá ver nas rúas monfortinas. «Creemos que sacar o cine á rúa é importante», apunta Iván Patiño. Baixo esta premisa, o Parque dous Condes fará de sala cinematográfica pola noite con Train to Busan, unha película coreana de terror e apocalipse zombi. A ela seguiralle Seoul Station, tamén coreana e de terror.

O venres continuará cun ritmo parecido ao da xornada anterior. Ás sete da tarde na Casa de Cultura o artista do cartelismo Mo Caró ofrecerá unha charla para aqueles que estean interesados. Mo Caró é unha icona dentro do mundo da ciencia ficción que, entre outros traballos, creou carteis para películas como Star Wars ou Indiana Jones. «É un privilexio traelo a Monforte», sinala Patiño.

Ao final da tarde proxectaranse outros oito curtametraxes mentres que, ao comezo da noite, haberá novamente dúas películas ao aire libre: A autopsia de Jane Doe e Melanie. Ademais, o Parque dous Condes será o escenario no que se prevé que a xente se reúna ao redor dun DJ que picará música ochentera.

Para o sábado resérvase a maior sorpresa desta cuarta edición. Antes de pasarse as curtametraxes restantes, poderán verse ás tropas imperiais de Star Wars atravesar distintas rúas de Monforte. O desfile, que conta con máis de vinte personaxes, celebrarase con motivo do corenta aniversario da popular saga de Star Wars.

Xurado

Pola noite terá lugar a gala de premios dos 24 curtos visionados. Haberá tres premios: un entregado polo xurado, outra pola organización e outro que dependerá do público. O xurado estará composto por Borja Lúa, Yolanda Muíños e Elena Galego Abad, sendo os dous primeiros os que se encargarán da charla sobre cine programada para o sábado pola mañá.

O último día non virá menos cargado. A partir das sete da tarde comezará o Fantafesti. Na Casa de Cultura pasaranse: Esquecidos e Send them to the Slaughterhouse. O primeiro creado por alumnos do centro dos Escolapios que se uniron á iniciativa de Patiño de facer curtos con estudantes de distintos colexios e institutos da cidade.

Send them to the Slaughterhouse é a obra dirixida e montada por Anabel Soto, unha das nenas que participou o ano pasado no proxecto de Patiño.

O peche do festival porao I am not a serial killer, unha película de suspense que vira ao redor dunha serie de asasinatos.

Ademais, durante estes días tamén haberá outras actividades como talleres de maquillaxe, exposicións e charlas. Na imaxe, un taller de efectos especiais do especialista Alberto Hortas no festival do ano pasado.