A Pobra homenaxeará a dous represaliados da Guerra Civil

Eva Fernández / F.a. MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

O Concello inaugurará hoxe unha placa conmemorativa preto de onde se achan os seus restos

22 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A Pobra do Brollón descubrirá unha placa en recordo dos irmáns José María e Ricardo García Moral. O acto celebrarase hoxe ás doce do mediodía ao lado da igrexa de Castroncelos. Ambos eran veciños da parroquia de Montefurado, en Quiroga, e foron asasinados o bando falanxista o 16 de setembro de 1936 en Cha de Castroncelos.

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) ten constancia de que os corpos foron enterrados nese lugar grazas ás actas de defunción e a diversas testemuñas. Con todo, os intentos por localizalos foron en balde xa que todos os indicios apuntan a que se achan debaixo da igrexa de Castroncelos. Isto débese á reforma e posterior ampliación do edificio despois dun terremoto.

Ao acto asistirán o alcalde da Pobra José Luis Maceda e outros representantes da corporación municipal, familiares dos represaliados e membros da ARMH. Para Maceda esta homenaxe é un xeito de pór de manifesto o compromiso da localidade coa memoria histórica. «É importante que a xente saiba que os represaliados, os nosos irmáns, non van ser esquecidos polos veciños», recalcaba Maceda.

Outros casos

A procura destes irmáns motivou o achado o verán pasado de dous corpos no mesmo cemiterio de Castroncelos. Concretamente, tratábanse dos monfortinos Ramón Somoza Álvarez, antigo edil da localidade, e do xastre José Rodríguez Silvosa. Os dous foron executados en 1938 polos falanxistas e no seu caso a ARMH si conseguiu exhumar os seus restos mortais.