Catro detidos en Monforte e Lugo polo roubo a un ancián en Sober

f. albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

A vítima do asalto tivo que ser hospitalizada como consecuencia das puñadas que lle propinaron

24 jul 2017 . Actualizado ás 21:43 h.

Catro veciños de Monforte e Lugo, de entre 25 e 51 anos de idade, foron detidos pola Garda Civil como presuntos autores dun roubo con violencia cometido en Sober durante a noite do 6 ao 7 de marzo. A vítima do roubo foi un ancián de 81 anos de idade que foi agredido co obxectivo de roubarlle o diñeiro en efectivo que gardaba no seu domicilio e que tivo que ser ingresado no hospital comarcal como conecuencia dos golpes.

Ante a gravidade destes feitos, a Garda Civil, segundo fontes do propio corpo, «abriu unha investigación prioritaria na que non se escatimaron medios nin tempo» co fin de identificar os autores e de dar co seu paradoiro.

A investigación foi dirixida polo xulgado de instrución número 1 de Monforte e realizada pola Garda Civil da Comandancia de Lugo, coa colaboración do membros do servizo de criminalística de Madrid. A colaboración cidadá, apuntan desde o instituto armado, «foi fundamental para o éxito da operación, pois varias testemuñas alertaron aos investigadores sobre un vehículo descoñecido que viron polo lugar días antes dos feitos».

Unha vez solicitados todos os indicios posibles, tras catro meses de xestións e análises, a detención dos implicados levou a cabo en en un operativo que se desenvolveu en Lugo e Monforte ao longo dos pasados luns e martes.

Porta rota a golpes e múltiples agresións físicas

O suceso que provocou as detencións realizadas esta semana produciuse na localidade de Fontemaior, pertencente á parroquia de Lobios. Os ladróns entraron na vivenda da vítima -que estaba a durmir no seu cuarto- rompendo a golpes a porta, a pesar do cal ningún veciño sentiu nada. Unha vez dentro, buscárono e esixíronlle que dixese onde tiña gardado o diñeiro. Na casa non había nese momento ningunha cantidade importante de diñeiro nin obxectos de valor. Ao non conseguir que o dono da casa entregáselles o que pedían, o maltraron ata que se persuadiron de que non poderían obter nada.

Segundo as fontes consultadas no seu momento, os asaltantes deron puñadas ao ocupante da vivenda en diferentes partes do corpo e un deles mesmo se subiu amais del e apertoulle o pescozo ameazando con estrangulalo. No exame médico notificáronse diversas contusións, a máis aparatosa das cales foi un hematoma nun ollo causado polas puñadas.