Enfróntase aos gardas que lle deron o alto por invadir o carril contrario

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ÓSCAR CELA

O condutor está acusado de pórse agresivo cando lle pediron que se fixese as probas de alcol e drogas preto de Monforte

11 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A Garda Civil deu o alto o domingo preto de Monforte a un condutor ao que os axentes perseguiron porque outros automobilistas denunciaron que circulaba invadindo o carril contrario. A Garda Civil asegura que cando lle deron o alto, o home negouse a someterse ás probas de alcoholemia e drogas, insultou e ameazou aos axentes e chegou a agredir a un deles. Un dos axentes resultou ferido ao forcexar con el.

Os feitos ocorreron na estrada N-120 e o condutor interceptado viña da provincia de Ourense. De feito, a central operativa de tráfico de Lugo, da que depende este servizo da Garda Civil en Monforte, recibiu o aviso desde o cuartel de Ourense. Alí chegaran os avisos orixinados por varias chamadas telefónicas de condutores que circulaban polo tramo ourensán da N-120 e que alertaban dun coche que ía en sentido Monforte de forma temeraria e pondo en perigo a seguridade do resto dos usuarios da estrada.

A patrulla que saíu na súa procura localizouno á altura de Ferreira de Pantón, no punto quilómetro 532 desta vía e a medio camiño entre o alto de Guítara e o centro urbano de Monforte. Segundo a información facilitada onte pola comandancia da Garda Civil en Lugo, en canto os axentes vírono puxéronse a facerlle sinais para que detivese o seu vehículo, pero non fixo caso. Sempre segundo estas fontes, durante o tempo que foron detrás del, viron «que continuaba coa súa condución temeraria».

Cando por fin parou o coche, os axentes observaron «que o condutor presentaba evidentes síntomas de atoparse baixo os efectos do alcol». No momento en que lle propuxeron que se sometese a un control de alcoholemia e a outro de drogas, el negouse e proferiu «insultos, ameazas e menosprecios aos axentes, chegando a agredir a un de eles».

En vista diso, os dous gardas trataron de reducilo e no forcexo resultou ferido o compañeiro do que estivera a piques de ser agredido.

Dez gramos de haxix e dúas denuncias

Durante a inspección que os gardas de tráfico fixeron do coche interceptado atoparon aproximadamente dez gramos dunha sustancia que parece haxix e que agora está a ser analizada en laboratorios da Garda Civil para a súa posterior destrución.

En calquera caso, aínda que se demostre que é haxix e independentemente do seu grao de pureza, todo apunta a que se trata dunha cantidade demasiado pequena como para acusar o dono do coche dun delito contra a saúde pública. Sen dúbida, nestes momentos non está a ser investigado por iso, senón por un delito contra a seguridade viaria por negarse a pasar as probas de alcol e drogas e outro de atentado polo altercado cos axentes. En canto ao haxix, podería enfrontarse a unha multa se a Subdelegación do Goberno decide tramitala.