«Tentamos amañalo por consenso, pero houbo quen non quixo»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

O único concelleiro que lle queda ao Bloque descarta un pacto con Tomé, pero ofrece acordos puntuais

09 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Emilio Sánchez é o único concelleiro que lle queda ao BNG en Monforte, despois da marcha de catro dos representantes que esta formación política obtivera nas eleccións de hai dous anos. No pleno no que debutou como voceiro tentou buscar o seu propio espazo, e non era doado, porque tocaba debater e votar a iniciativa conxunta de reprobación do alcalde asinada por toda a oposición menos el.

-Estreouse vostede como portavoz cun discurso conciliador co alcalde. Cal vai ser o seu papel no que queda de mandato? Contempla algún tipo de pacto co goberno local?

-O discurso foi conciliador porque a situación o requiría. O papel do BNG de aquí en diante vai ser o de facer oposición leal, responsable e desde o respecto. No tocante a pactos, non contemplamos esa posibilidade. Chegaremos a acordos sempre que sexa en beneficio das veciñas e veciños deste concello. Por moito que outras persoas se empeñen en proclamarse valedores únicos da veciñanza, o BNG en Monforte ten como único obxectivo o servizo ás monfortinas e monfortinos.

-A polémica sobre o Hotel Comercio parece demasiado pequena como para provocar unha crise así. Por que se produciu a ruptura realmente?

-No BNG non creemos que existan polémicas cativas. Se hai algún problema, por sinxelo que pareza, centramos nel todos os nosos esforzos. No caso que me pregunta, o Hotel Comercio, o que pasou foi simplemente que desde o Consello Local non nos parecía lóxico, nin procedente, participar naquela concentración. Entendemos que foi unha acción completamente desmesurada. Segundo o noso criterio, respondía máis a problemas persoais entre os representantes dos outros grupos da oposición e o alcalde. Nós niso non entramos.

-Houbo máis discrepancias entre vostedes que non transcenderon?

-A nivel de grupo municipal nunca tivemos discrepancias importantes máis alá dos diferentes puntos de vista que se solucionaban con debate.

-Pilar López acusa ao consello local de actuar con deslealdade contra ela ao desautorizala publicamente no asunto da protesta polo Hotel Comercio.

-O consello local actuou con lealdade a uns principios que como organización política defendemos. O grupo de compañeiras e compañeiros que o formamos, entre os que se encontraba Pilar López, tomou unha decisión por maioría. Pilar non respectou esta decisión. Quen actuou entón con deslealdade? No tocante á suposta desautorización, é o consello local o que ten a capacidade de convocar actos como a concentración do Hotel Comercio. O grupo municipal ten outras moitísimas competencias nas que ninguén se mete. Non foi unha desautorización. Simplemente non estaba autorizada a apoiar unha acción tan grave como unha concentración en nome do BNG.

-Cometeron erros na xestión desa crise en concreto coa maioría do grupo municipal?

-Fixemos o que consideramos que era o correcto. Antes de tomar calquera decisión pensase en todo. Tentamos amañar a situación dunha forma consensuada, pero resultou imposible. Nunha negociación todas as partes teñen que ceder algo. Houbo quen non quixo.

«Soster que a maioría dous votantes querían que marchasen é un disparate»

Emilio Sánchez sostén que os argumentos que empregaron os escindidos para marchar do Bloque non son máis que desculpas. Parécelle especialmente criticable que digan que o fan porque esa é a vontade maioritaria dos que votaron por esta formación política nas últimas eleccións municipais.

-Os seus excompañeiros aseguran que marchan porque iso é o que queren maioritariamente os que votaron BNG nas eleccións do 2015. Que lle parece?

-Eu entendo que esa e a desculpa que dan para non deixar as actas. Non hai maneira de demostrar semellante disparate. Vanse porque non lles gustou que haxa decisións que tiñan que tomar xunto aos demais compañeiros e compañeiras do consello local. Ademais, a propia exportavoz municipal, Pilar López, ten manifestado publicamente o seu distanciamento do BNG desde hai moito tempo xa. Cada quen que saque as súas propias conclusións.

-Cantos afiliados tiña o BNG en Monforte antes da marcha destes tres concelleiros e cantos ten hoxe? [Os concelleiros que deixaron o grupo do BNG foron catro, pero un deles non estaba afiliado]

-A día de hoxe o BNG en Monforte ten arredor de corenta militantes. As únicas baixas que se produciron foron as das tres concelleiras e unha persoa máis.

-No último pleno, Pilar López reivindicou o legado de Severino Rodríguez. A vostede tamén lle parece reivindicable?

-E normal que quen pertenceu á equipa de goberno do anterior alcalde o reivindique. Eu son de mirar para adiante. Do pasado quedo co positivo. O negativo hai que tentar melloralo con traballo, sacrificio e, sobre todo, humildade.