rompe a negociación en FCC e os traballadores convocan folga

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ÓSCAR CELA

É un paro indefinido e está convocado para a semana previa ás festas de agosto

07 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

As negociacións sobre o novo convenio colectivo de FCC en Monforte están rotas. Empresa e traballadores discrepan na subida salarial. A primeira consecuencia é a convocatoria dunha folga indefinida que de levarse a cabo deixaría a Monforte sen recollida de lixos en plenas festas de agosto. Iso é o que proporán ao persoal os delegados de persoal e o sindicato Comisións Obreiras nunha asemblea esta fin de semana.

«Son uns mileuristas e levan anos perdendo poder adquisitivo», denunciaba onte Mario Docasar, dirixente local de Comisións Obreiras que intervén na negociación como asesor dos delegados de persoa. Aos representantes dos traballadores parécelles que a actitude da empresa na reunión celebrada onte foi «frustrante, decepcionante e ridícula».

A esta última reunión, a quinta desde que empezou a negociación fai algo máis de tres meses, chegaban as partes con só dous asuntos pendentes de resolver. A primeira, a que se refire á duración do convenio, foi sinxela de resolver. A empresa prefire un convenio duradeiro e os traballadores aceptaron prolongalo a tres anos. Pero o que quedaba por resolver eran os soldos, o motivo máis habitual de ruptura deste tipo de procesos. A empresa só está disposta a incrementar os salarios deste ano e do próximo na metade do que suba o IPC e un 20% do que se mova cara arriba o custo da vida no 2019. Pola súa banda, os traballadores reclaman un 1% máis este ano, un 2% no 2018 e un 3% no 2019.

Se non hai acordo antes, a folga empezaría ás seis e media da mañá do 7 de agosto.