Sober terá o primeiro ciclo de viticultura da Ribeira Sacra

f. albo / c. cortés DATA / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

A escola de hostalería de Rosende logra ao segundo intento que llo concedan

23 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A escola de hostalería que xestiona en Sober a Fundación Belarmino Fernández Iglesias contará a partir do próximo curso cun ciclo formativo de grao superior en vitivinicultura, o primeiro deste tipo que se imparte no territorio da Ribeira Sacra. Este é o segundo intento por consolidar unha especialidade formativa regulada vinculada o mundo do viño na área desta denominación de orixe. Fai quince anos, a Consellería de Educación tivo que suspender o que se propuña pór en marcha na escola de capacitación agraria de Monforte. No sector vitivinícola pensaban que habería demanda, pero finalmente non se chegaron a apuntar suficientes alumnos.

Os alumnos que cursen o ciclo que se impartirá en Rosende obterán o título de técnico superior en vitivinicultura, que capacita para traballar como técnico vitivinícola, técnico en análise sensorial, encargado de recepción de mostos frescos e sulfitados, supervisor de columnas de destilación e concentración, encargado da liña de envasado de destilados, concentrados e vinagres e encargado de envellecemento e crianza de destilados e vinagres.

Segundo a información facilitada pola fundación Belarmino Fernández a través do Concello de Sober, os alumnos que obteñan este título poderán traballar en empresas vitivinícolas dedicadas á produción de uva, á elaboración, crianza e envasado de viño e na elaboración destilados de viño, concentración de mostos, vinagres e outros produtos derivados da uva e o viño. «Tratar de persoal por conta allea ou propia que exerce a súa actividade en labores de xestión, dirección e supervisión en áreas funcionais de recepción, produción e envasamento», engaden na escola.

Este será o terceiro ciclo formativo que impartirá a escola de Rosende o curso que vén. O centro mantén tamén abertos os dous de grao medio que xa tiña, un de cociña e gastronomía e outro de servizos en restauración. Ambos os ciclos impártense nesta escola desde a súa creación.

A escola de hostalería de Rosende empezou a funcionar fai vinte anos por iniciativa do empresario Belarmino Fernández, natural de Rosende e falecido na cidade brasileira de Sãou Paulo o 30 de maio. Emigrante no Brasil, naquel país fixo carreira como restaurador con notable éxito. Belarmino Fernández morreu fai apenas unhas semanas. Desde o pasado día 2 está enterrado en Rosende.