O plumacho da Pampa, unha seria ameaza ambiental no sur lucense

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Os expertos avisan de que a especie causará graves problemas nuns anos se non se fai nada para erradicala

05 oct 2017 . Actualizado ás 12:06 h.

O Concello de Folgoso do Courel eliminou recentemente unhas matas de plumacho, plumero ou carrizo da Pampa que foron localizadas nun terreo público situado nas proximidades da capital municipal. Pero esta especie invasora orixinaria de Sudamérica -cuxo nome científico é Cortaderia selloana- pode verse en moitos outros lugares do sur lucense, aínda que por agora está lonxe de constituír unha auténtica infestación, como sucede en numerosos puntos do litoral galego, onde se converteu nun dos principais problemas ambientais.

Os plumachos crecen actualmente en diversos terreos públicos, como o recinto da depuradora de augas residuais de Monforte ou as zonas axardinadas da contorna do hospital comarcal. Tamén aparecen nas marxes de varias estradas, en escampados e en leiras particulares de municipios como Sober, Pantón, Chantada e Carballedo. O grao de propagación da especie nestes territorios non se coñece con exactitude, xa que ata agora non se realizou ningún estudo, pero en todo caso pode considerarse importante.

O biólogo Martiño Cabana, membro da Asociación Galega de Custodia do Territorio, apunta que as condicións climáticas do sur da provincia fan que esta área xeográfica sexa propicia para a proliferación dos plumachos, que se acomodan moi ben nos ambientes cálidos. «A zona centro é máis fría e polo tanto é menos favorable, pero nas terras baixas da parte sur poden chegar a ser un problema moi serio se non toman medidas para a súa erradicación», prevén.

Medidas de contención

O biólogo considera doutra banda que conter a expansión do plumacho polas comarcas do sur lucense pode ser relativamente sinxelo, xa que aínda que as matas están repartidas en numerosos puntos aínda non formaron grandes poboacións, como sucedeu nas áreas costeiras. «Cando as plantas chegan a ocupar extensións de moitas hectáreas a súa eliminación é moi complicada e custosa, así que o mellor é intervir antes de iso suceda», explica. Cabana sinala así mesmo que esta planta figura desde hai tempo no catálogo de especies invasoras da Consellería de Medio Ambiente e que polo tanto a súa plantación está prohibida. «Os responsables dos terreos onde medran esas plantas poden ser requiridos para que as eliminen, tanto se son particulares como se son administracións públicas», agrega.

Un proxecto de intervención da Xunta que por agora non inclúe este territorio

A Consellería de Medio Ambiente licitou o pasado febreiro os traballos de erradicación de varias plantas invasoras, entre as que figura o plumacho da Pampa. A intervención conta cun orzamento de preto de 370.000 euros, pero a área de actuación non inclúe o sur lucense, xa que se limita ás zonas costeiras. Na provincia de Lugo, o único territorio onde está previsto intervir é a Mariña. Martiño Cabana opina que este plan non conseguirá a eliminación da especie nas áreas invadidas, «porque o presuposto é moi curto e os plumachos se expandiron de tal maneira no litoral que hoxe é moi difícil acabar con eles».

No caso do sur lucense, Cabana apunta que eliminar mátalas non custaría moito traballo. No municipio do Courel, as plantas foron arrincadas e queimadas, pero o biólogo di que en moitos casos a intervención pode resultar máis simple. «Se os plumachos son moi poucos e están rodeados de vexetación autóctona, bastaría con cortar os talos moi a ras do solo -explica-, porque así as outras plantas ocuparán rapidamente o terreo e xa non os deixarán rebrotar».

Por outra banda, o biólogo di que se por falta de tempo ou por calquera outro motivo non é posible arrincar ou segar totalmente as plantas, como primeira medida para frear a súa expansión pode abondar con cortar a súa parte superior, é dicir, o plumero. Desta forma impídese a propagación das sementes. Unha soa planta pode producir moitos miles de simientes.

Prexuízos económicos

Martiño Cabana lembra ademais que nos lugares onde a súa presenza se volveu masiva, os plumachos están a causar graves danos á vexetación autóctona, xa que poden chegar a desprazala por completo. A especie invasora tamén chega a supor en moitos casos un importante prexuízo económico. «É moi fácil, por exemplo, que colonicen os terreos dos polígonos industriais e que despois haxa que empregar moito esforzo e moito diñeiro para eliminalos cando se pretende despexar unha parcela para realizar unha nova construción», avisa.

Ao seu xuízo, se se deixan pasar dez ou quince anos sen levar a cabo ningunha intervención e se a especie segue propagándose sen freo algún, o plumacho pode chegar ser moi difícil de erradicar nas áreas do sur lucense máis aptas para o seu crecemento.