O mural monfortino toma forma

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS CORTÉS

O colectivo Cestola na Cachola pinta a última obra da ruta artística do consorcio da Ribeira Sacra

25 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Na esquina das rúas monfortinas de San Lázaro e Duquesa de Alba empeza a tomar forma o mural financiado polo consorcio de turismo dentro do programa «Un toque de cor na Ribeira Sacra». A obra, realizada polo colectivo Cestola na Cachola, inspírase na tradición vitícola do territorio e na historia ferroviaria da cidade e nela figurará a antiga locomotora Mikado que se garda no museo ferroviario monfortino. Un dos membros do citado colectivo, Miguel Peralta, visitou o museo para observar e fotografar a máquina co fin de reproducila o máis fielmente posible. Esa parte da composición aínda non está pintada.

O programa -que foi presentado en xaneiro do 2016 na feira turística Fitur de Madrid- comprende a realización dun total de 36 murais repartidos por todos os municipios da Ribeira Sacra e baseados nas tradicións locais, as lendas populares e as paisaxes características de cada un destes territorios. O de Monforte era o último que faltaba por pintar. A actual localización foi elixida despois de que Patrimonio negase o permiso para realizar a obra nun edificio inacabado da praza da Compaña.