Ana Pontón reúnese coa plataforma contra o catastrazo

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

A portavoz nacional do BNG visita A Pobra, Quiroga, Pantón e Monforte

25 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A portavoz nacional do BNG. Ana Pontón, visitará hoxe varios municipios do sur lucense acompañada pola deputada Olalla Rodil. O Concello da Pobra do Brollón será a súa primeira escala. Alí manterá un encontro co alcalde, José Luis Maceda, e os concelleiros do equipo de goberno. Na reunión, programada para as doce do mediodía, está previsto que se aborden as políticas sociais que se desenvolven nese municipio, un dos máis envellecidos da comarca.

A seguinte escala da visita de Ana Pontón será Quiroga, onde ten previsto comprobar sobre o terreo os danos que causaron nos viñedos as xeadas rexistradas a finais de abril. Estará acompañada pola concelleira do Bloque nese Concello Amparo Montenegro.

Antes de desprazarse a Monforte, onde concluirá a súa visita, a portavoz nacional do BNG pasará por Pantón para manter unha entrevista con membros da plataforma contra o catastrazo que se constituíu nese municipio.

Charla en Monforte

Ana Pontón participará en Monforte nun acto informativo sobre o modelo de financiamento autonómico que defende o BNG, que terá lugar no centro cívico do paseo do Malecón a partir das oito e media da tarde. Ademais da portavoz nacional, intervirán a concelleira monfortina Pilar López e o economista Xosé Díaz, autor do libro As contas que non nos contan. Este experto sostén que o actual sistema de financiamiento autonómico prexudica os intereses de Galicia e supón unha clara discriminación con respecto a outras comunidades.