«O libro está pensado para pecadores porque eu tamén son un de eles»

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Rock é autor dun libro en clave de humor sobre as súas experiencias como peregrino

24 may 2017 . Actualizado ás 08:16 h.

Natural de Dublín, Eddie Rock é veciño do municipio de Pantón desde fai seis anos. Antes de recalar na Ribeira Sacra viviu en lugares moi diferentes: Inglaterra, Holanda, Australia, Canadá... En realidade chámase Peter Edward Rochford, pero di que ninguén o coñece por este nome. O que máis utiliza puxéronllo fai xa moito tempo uns veciños que lle acurtaron tanto o nome como o apelido. «Toda a vida me me chamado Eddie Rock», di. Con este pseudónimo asinou o seu libro The Camiño de Santiago: A sinner's guide, do que tamén se publicou unha tradución española, O Camiño de Santiago: Guía para pecadores. Nesta obra conta a súa experiencia como peregrino e outras etapas anteriores da súa vida.

-Por que quixo dirixir a súa obra aos pecadores?

-Porque eu tamén son un pecador. Tiven unha vida non direi que mala, pero pasei por moitas desventuras. No libro falo das cousas que me pasaron cando percorrín o Camiño de Santiago e outras cousas que me sucederon antes. Non é realmente unha guía para os peregrinos do Camiño de Santiago, senón unha historia baseada en cousas que me pasaron e que quixen contar dunha forma divertida.

-Como chegou a coñecer o Camiño de Santiago?

-Foi grazas a unha moza moi guapa que falou del en Irlanda. Pareceume xenial todo o relacionado co Camiño de Santiago e pensei que sería algo bo para min. Así me animei a percorrer o Camiño Francés no 2003 e cheguei a coñecer Galicia, que me gustou moito. Despois acabei por virme a vivir aquí e estou moi contento de facelo. Aquí estou moi ben e teño moitos amigos e amigas. Paréceme un sitio moi bo para vivir e gozar.

-E como foi a parar a Pantón e a Ribeira Sacra?

-Foi por accidente. Decateime de que existía este lugar a través dunha páxina de Internet que se chama Help Exchange ou HelpX, que permite contactar con xente que ofrece estancias nas súas propias casas a cambio de traballo. Así coñecín a unha parella de ingleses que viven en Pantón e pasei un tempo na súa casa. Gustoume moito isto e decidín quedar aquí eu tamén. Comprei unha leira, pero de momento nela só crecen as silvas. Quero acondicionala para plantar e tamén estou arranxando a miña casa. Está moi preto do Camiño de Inverno e estou moi contento por iso, porque eu quería vivir o máis preto posible do Camiño de Santiago e este tamén o é. A verdade é que me gusta máis vivir aquí que preto do Camiño Francés, que foi o que coñecín primeiro.

-A parte de escribir, dedícase a algunha outra actividade?

-O meu libro véndese en sitios como Amazon, tamén en versión para Kindle, e tamén noutros lugares, como bares ou restaurantes, pero non son millonario grazas a el e teño que facer outras cousas. De profesión son carpinteiro, pero gústame cambiar de vida. Interésame tamén esculpir madeira, sobre todo a de castiñeiro, e estou a traballar moito nisto para chegar a ser escultor. O último que fixen foi un letreiro en madeira para un bar de Escairón. Tamén son músico, gústame tocar e cantar e actuei en moitos sitios. Teño moitas cousas que facer e ademais tamén quero seguir escribindo libros.

«Irlanda e Galicia parécense en moitas cousas, pero a vida aquí é mellor»

Decidido a permanecer de forma indefinida na Ribeira Sacra, Eddie Rock di non ter ningunha intención de volver ao seu país natal nin a outros lugares nos que viviu anteriormente.

-Sempre se fala do parecido entre Irlanda e Galicia. Que opina disto, despois de ter vivido aquí varios anos?

-É verdade que en Irlanda e Galicia hai moitas cousas parecidas, pero creo que a vida aquí é mellor e tamén hai mellor tempo. Non querería volver vivir en Irlanda polos políticos irlandeses e en xeral pola situación que hai agora alí. Tampouco me gustaría vivir en Inglaterra, onde pasei moito tempo. Penso quedar a vivir aquí.

-Non se animou a aprender a falar en galego para integrarse mellor na sociedade na que vive agora?

-Sei dicir ¡manda carallo! e algunhas cousas máis. Teño amigos españois en Madrid que me din que falo o español con acento galego, pero os meus amigos galegos non me entenden nada cando intento falar en galego. Quero aprendelo mellor, pero teño que ir aos poucos.

-Pensa escribir algún libro sobre a súa vida na Ribeira Sacra, como o fixo co Camiño de Santiago?

-Gustaríame moito escribir sobre esta terra, pero debo ir con calma porque agora estou ocupado con moitas cousas á vez e fáltame tempo. Ademais, teño outros dous libros rematados que aínda están sen publicar, gardados nun caixón.