Dous homes e dúas mulleres reforzarán como auxiliares á Policía Local

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

24 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A contratación dos auxiliares que reforzarán o persoal da Policía Local entre os meses de xuño e setembro deste ano só esta pendente do visto e prace da xunta de goberno. O tribunal encargado de supervisar as probas concedeu as máximas puntuacións a Andrea Pérez Macía, Noelia Fernández Castro, Claudio Pérez Arias e Luis Miguel Rodríguez López, que son os que ocuparán as catro prazas temporais. Quedan en lista de espera os aspirantes que quedaron inmediatamente a continuación dos seleccionados, que son Omar López Parga, Francisco Rodríguez Rodríguez, Adrián Cortiñas González e David Cortiñas González.

Á última fase das probas accederon doce dos vinte e tres aspirantes -vinte homes e tres mulleres- que estaban inscritos no concurso. A primeira criba consistiu na realización dos exercicios físicos que recollían as bases. Posteriormente, os participantes deberon superar un exame tipo test sobre cuestións relacionadas co funcionamento da administración local e unha avaliación dos seus coñecementos sobre a toponimia do municipio de Monforte.

O pasado ano foron contratados tres auxiliares entre os meses de xullo e agosto. Este verán incorpórase un axente máis e os labores de apoio dos axentes temporais amplíanse aos meses de xuño e setembro. O Concello quere garantir así a cobertura das gardas, que se complica nos meses de vacacións debido ás limitacións de persoal da Policía Local.

Sen confirmación oficial

Doutra banda, o alcalde indicou onte que aínda non puido confirmar oficialmente se, como denunciou o Sindicato Unificado de Policía (SUP), a comisaría local non contará este ano co reforzo de axentes en prácticas. Tomei interesouse o luns por esta cuestión ante o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, durante a inauguración dunha mostra fotográfica do Ministerio de Defensa que se poderá ver a finais de ano en Monforte. O rexedor solicitara expresamente o reforzo de policías en prácticas tras os incidentes da pasada Noitevella.