«Dan ganas de emigrar, cando antes pensaba plantar máis cepas»

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

LEMOS

MIGUEL VILLAR

Afectados polas xeadas maniféstanse para pedir as mesmas axudas que recibiu Sober

24 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O campo ourensán mobilizouse onte na capital da provincia para reclamar axudas directas polas xeadas que a finais do mes pasado arrasaron con gran parte da produción de viño e outros cultivos. Máis de medio milleiro de agricultores percorreron as rúas de Ourense, desde o pavillón dos Remedios ata a sede da Xunta na avenida da Habana para esixir o mesmo trato por parte da administración que o ano pasado recibiron os viticultores de Sober afectados a saraiba. É dicir, axudas directas de 7.000 euros por hectárea ata un máximo de 15.000 euros.

Máis que o importe, o que teñen claro é que necesitan axudas para sobrevivir este ano e non tirar a toalla. Expono así o pai de Daniel Fariñas, quen se fixo cargo dunha explotación de 33 hectáreas en Valdeorras: «Nós vivimos do viño, seis persoas da familia, e a xeada estragounos todo». No seu caso, tivo seguro pero deixou de renovalo porque, afirma, non lle pagaron 500.000 pesetas. A cuestión do seguro é unha das obxeccións que pon a Xunta para falar de axudas directas. Juan José Salgado, de Monterrei, apunta que non se contratan seguros porque «son caros e cubren pouco, non estipulan ben o prezo da uva».

Aos novos viticultores, un pau deste tipo é unha freada importante pola perda dos traballos realizados e da produción. Mario Yáñez, de Larouco, ten unha explotación de dez hectáreas despois de dez anos como viticultor en Valdeorras e calcula unhas perdas de 70.000 euros ao danarse o 95 % da súa produción. Ademais das axudas directas, como as que deu a Xunta á Ribeira Sacra, e aos créditos, cre importante que se reformen os seguros agrarios. «Pagan a uva godello á metade de prezo do mercado», apunta sobre las pólizas. «Van deixar que marchemos, dan ganas de emigrar, cando antes pensaba plantar máis cepas e comprar viñas. Vexo que hai vides que non rebrotarán», apostila Yáñez. Outro novo viticultor de Valdeorras, Óscar Losada, corrobora durante a manifestación o dano para quen están a empezar: «Acabei de instalarme con tres hectáreas na Rúa de Valdeorras. Fixen un investimento grande e agora nin enxertos nin colleita. A volver empezar de cero».

«O Ribeiro en pé. Loita polos teus dereitos, polas nosas cepas» era o lema da campaña dos viticultores desta comarca. Desde Beade chegou Lucita Pousa, viticultora a quen a xeada afectou, segundo calcula, ao 90 % dos 24.000 metros cadrados de viña. «Beade foi o máis afectado. Fixen unha poda despois da xeada. Vese un brote pero non sabemos se haberá viño, porque a seca afectou moito». Xulia Bande, ademais de , colleiteiraten unha empresa de servizo de mantemento de viñas con doce empregados no Ribeiro. «Houbo que volver a podar todo, pero a colleita perdeuse e moita xente depende exclusivamente disto. Ademais a xente parou os traballos que nos daban porque non ten con que pagar. Igual teño que botar á metade da plantilla por falta de carga de traballo», asegura a empresaria.

Ademais das vides, outras producións danáronse, como as de mel e castañas, ademais da forraxe en municipios como A Mezquita, A Gudiña, Viana e Vilariño. Por iso, uns sesenta agricultores e gandeiros chegados destes municipios participaron onte na manifestación de Ourense ao son dos tambores.