Pedro Sánchez arrasou aínda máis entre os afiliados do sur de Lugo

carlos cortés / luís díaz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

R.F.

Nas comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga sumou un 80% dos votos

23 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A vitoria de Pedro Sánchez nas primarias do PSOE é especialmente incontestable no sur da provincia de Lugo. Nada menos que un 80% dos afiliados que acudiron a votar o domingo nas comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga elixiron a papeleta do vencedor destas eleccións internas. Este respaldo supera en moito a media xeral, porque Sánchez gañou cun un 50% dos votos no conxunto de España, pero tamén está claramente por amais do resultado de Sánchez no conxunto de Galicia (67,7%) e do que obtivo en toda a provincia de Lugo (68,6%).

«Eu agardaba uns bos resultados para Pedro Sánchez -aseguraba onte o alcalde de Monforte, José Tomei-, pero quizais un pouquiño peores que ou que finalmente saiu». Tomei significouse publicamente en apoio de Pedro Sánchez, igual que o único deputado desta zona no Parlamento de Galicia, José Antonio Quiroga, do Saviñao.

O substituto de Docasar

Quiroga tomou posesión do seu escano o ano pasado en substitución do monfortino Vicente Docasar, que renunciou a seguir no Parlamento despois de que José Luis Méndez Romeu perdese ante Xaquín Fernández Leiceaga as primarias para elixir candidato ás eleccións galegas. Docasar apostara por Romeu, así que tras a derrota lle pareceu que o coherente era dimitir como deputado. Na campaña previa ás primarias deste domingo, colaborou coa candidatura da presidenta andaluza. Onte non foi posible solicitar a súa opinión sobre o resultado, pero na súa conta de Twitter deixou escrito o domingo a frase «Que importante sería que a militancia socialista tivese claro o perfil ideolóxico maioritario da sociedade española».

A José Tomei non lle parece que a esmagadora vitoria local e comarcal de Pedro Sánchez deba ter efecto algún a nivel interno. «Tampouco pasou nada cando Leiceaga lle gañou a Méndez Romeu», razoa. En calquera caso, se o de Tomei e Docasar puidésese interpretar como un pulso político entre dous referentes do partido en Monforte, o gañador estaría meridianamente claro. Na mesa electoral da sede socialista de Monforte (na que votaban tamén os afiliados de Sober e A Pobra do Brollón), Pedro Sánchez obtivo o 80% dos votos e, Susana Díaz o 15%