«É fundamental gozar»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

O galego que máis lonxe chegou no esquí de elite se reinventa preto do Courel

23 may 2017 . Actualizado ás 08:25 h.

Non sobran en Galicia esquiadores profesionais. Falta tradición, os Pireneos están lonxe e os Alpes aínda máis, así que faltan estacións invernais de dimensións suficientes como para servir de canteira permanente. Pero algún houbo e o que máis alto chegou é de Monforte. Chámase Camilo López Anglada, competiu durante seis anos no circuíto da copa de Europa e foi campión de España na modalidade de slálom. Aos seus 38 anos os seus días na elite xa pasaron, pero tampouco se pode dicir que estea exactamente retirado. Deixou o deporte de alto nivel no 2002 e o seu currículo laboral desde entón é complicado de resumir. Adestrador de esquí, artesán ceramista, vendedor de café, condutor de minibús, coidador de persoas dependentes... Foi todo iso e a maioría deses oficios aínda os segue exercendo, aínda que cando fai seis meses naceu o seu fillo Lareiras decidiu facer unha paréntese en todo para gozar da súa familia e da casa que el e a súa muller, a psicóloga María Lillo, están a restaurar na aldea de Tudriz, na Pobra do Brollón. A un paso das neves do Courel.

-De Monforte e esquiador de elite. Como pode ser iso?

-Os meus pais sempre apostaron polo deporte. En Nadal, entroidos, Semana santa e en calquera festivo, ás miñas irmás e a min deixábannos en Manzaneda nunha caravana a cargo dalgún monitor. Foi a principios dos oitenta, cando eu tiña entre tres e seis anos. Naquela época en Manzaneda había moita neve. Había máis problemas para chegar por estrada no inverno que por falta de neve, como pasa agora. Non faciamos nada de competición, era todo lúdico. Sei de xente que traballa doutro xeito, pero eu creo que hoxe se enfoca aos nenos cara á competición demasiado pronto. É fundamental gozar. Cando non compites visitas toda a estación, fas curvas, saltos, ris, xogas... En competición estás nunha pista e case non sales dela, xa non en todo o día, nin sequera en toda a tempada. Despois daquilo, fómonos toda a familia a Andorra.

-Para que vostede competise?

-Non, eu só tiña seis anos. A miña nai é catalá e decidiron irse a vivir alí. O esquí tamén influíu, pero non foi o motivo central.

-E alí fíxose esquiador.

-Igual que en España hai un campo de fútbol case en cada rúa, en Andorra hai estacións de esquí en todos os pobos. É o deporte máis habitual. Alí empecei en clubs e na competición. O esquí é duro. A montaña, o frío... Os bos resultados fóronme animando, entrei na selección española infantil, despois pasei á xuvenil e o gran salto foi cando con só 17 anos púxenme a compartir equipo cos absolutos. Púxenme entre os tres primeiros do mundo do meu ano.

-Deixou o deporte de elite con só 24 anos. Debe ser unha decisión difícil de tomar.

-Si. Cando era pequeno, en Andorra, unha mañá esperteime triste pensando que tiña que deixar o esquí. O meu pai levoume esa mañá á estación invernal e despois de que me deixase alí, de súpeto deime conta que en realidade o soñou. Leveime unha alegría tan grande que non volvín queixarme do frío. Aí souben que o momento no que tivese que deixalo íao pasar mal. Co esquí puiden viaxar, de aprender idiomas, de coñecer outras culturas... O que me hadado o esquí non podería conseguilo doutro xeito.

Camilo López Anglada non decidiu o momento da súa retirada. Decidírono por el os novos responsables da Federación Española de Esquí tras un proceso electoral no que el tomara partido polo bando perdedor. «Leveime un desgusto bastante grande -lembra-, dixéronme que me fose de malo xeito».

-Tocaba reconverterse.

-Intenteino aquel mesmo ano como adestrador de esquiadores cegos da ONCE, pero finalmente non puido ser. Dixéronme que si e despois que non, eu creo que por efecto do que pasara na federación.

-Despois fíxose oleiro.

-Os meus pais estiveron moi vinculados fai trinta anos no taller de cerámica Nós, o que foi o xerme da actual asociación Prodeme [que traballa en Monforte no ámbito da integración laboral e social de persoas con discapacidades psíquicas], así que aprendín a ser oleiro, algo que me entusiasma pero do que é difícil vivir en exclusiva. Despois compaxinei ese traballo co de comercial dunha empresa catalá de café, que acabou pechado, fun condutor de furgoneta para unha asociación de familiares de enfermos de Alzhéimer en Monforte, e máis recentemente coidador de persoas dependentes, formador de monitores de esquí nunha escola deportiva de Ourense e monitor na estación de Manzaneda.

-E pai.

-Nestes momentos, pai practicamente a tempo completo e gozando dunha casa feita ao noso gusto que nos está quedando moi bonita e que estamos a piques de rematar, despois duns anos de traballo restaurándoa. E estou a lle dar voltas á posibilidade de volver abrir o taller de cerámica. Xa veremos.

o seu palmarés

Seis anos na selección. Camilo López Anglada formou para do equipo español de esquí seis anos consecutivos e como tal competiu no circuíto de torneos da copa de Europa deste deporte. No 2002 foi campión de España en slálom

"O meu aliciente como veterano é ver se son capaz de facer o que facía antes, de estar ao 100%"

Apartado por completo do esquí durante anos, Camilo López Anglada recuperou o contacto con este deporte fai catro anos, cando lle ofreceron traballar como monitor en Manzaneda. Aquel primeiro ano non nevou practicamente nada, así que de monitor non traballou gran cousa, pero participou nunha competición en Pajares. «Gocei como un neno -lembra-, case cos nervios da miña primeira competición».

-E despois de todo, agora volve competir.

-Si, como veterano. Aquela vez en Pajares paseimo moi ben. Saíndo de último, quedei segundo na primeira manga e ao día seguinte gañei. E o esquí non é como calquera outro deporte, que o terreo de xogo está sempre igual. Se esquías e non sales nos primeiros postos vasche atopar a pista deteriorada e é moito máis difícil facelo ben. Despois daquilo pensei en correr unha vez ao ano para non perdelo de todo e estouno facendo.

-E con bos resultados, que no 2016 gañou o campionato de España de veteranos.

-Si. E aproveito para dicir que nos premios anuais do deporte de Monforte que organiza o Concello non hai unha categoría para veteranos. E non estaría mal que a houbese.

-Este inverno competirá?

-O material que teño está nas últimas, porque desde 1990 que gañei en Andorra e o premio eran uns esquís non me comprei ningúns máis. Creo que unha marca me vai a proporcionar material novo a través dunha tenda de Vigo para que os use en competición, así que si correrei. O meu aliciente é ver se son capaz de facer o que facía, de estar concentrado ao 100% desde a primeira baixada, de reaccionar en menos dun segundo