Así será o mural de Monforte

c. cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O luns empeza a pintarse por fin a imaxe turística que o consorcio paga neste municipio

21 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O tren e a viticultura. Eses son os motivos do mural que financiará en Monforte o consorcio de turismo da Ribeira Sacra. A súa realización hase atrasado moito máis que a dos demais murais pintados nos últimos anos na maioría dos municipios da Ribeira Sacra. O Concello de Monforte tivo problemas coa localización e tardou en decidir unha alternativa cando Patrimonio dixo non á primeira opción: a fachada lateral dun edificio a medio acabar no paseo da Compaña. O mural será pintado finalmente en cálea Duquesa de Alba. O traballo empeza o luns.

O Concello anunciou onte a data de inicio do pintado e as condicións nas que levará cabo. Ocupará a totalidade da fachada medianeira dun edificio de dous pisos. O seu frontal está no número 25 da rúa san Lázaro, pero fai esquina con Duquesa de Alba e en realidade o mural dará a esta última rúa. O que ten en fronte o Duquesa de Alba é o campo de fútbol Luis Adegas, así que o mural será visible tamén desde a rúa Reboredo, unha das entradas ao centro urbano desde a estrada N-120. A fachada elixida, di o alcalde José Tomei, está en «un sitio moi visible e nunha contorna deportiva, polo que chegará a moita xente».

O Concello chegou a un acordo hai xa meses coa propietaria do edificio, que cede a superficie da fachada lateral por un mínimo de dez anos. A cambio, os gastos de mantemento do mural corresponderanlle ao consorcio de turismo. O Concello pagará o alugueiro da plataforma elevadora que será empregada no traballo de pintado, que se prolongará durante uns días.

Recursos, cultura e tradición

O viño e a viticultura aparecen como motivos centrais doutros dos murais financiados polo consorcio nos últimos anos, dentro dunha campaña de embelecemento de espazos públicos denominada «Un toque de cor na Ribeira Sacra». Con todo, o ferrocarril só aparece no mural de Monforte. Servirá, espera Tomei, «para poñer en valor vos recursos, a cultura e a tradición de Monforte».