Nas orixes do Colexio do Cardenal

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Non dispoñible

A edición dunha peza teatral de 1594 achega novos datos sobre a época da construción do histórico edificio

20 may 2017 . Actualizado ás 22:06 h.

A aprobación no Parlamento galego dunha iniciativa que pide a declaración do Colexio do Cardenal como ben de interese cultural coincide coa recuperación dun singular documento relacionado directamente coa fundación do histórico edificio. O pasado día 12 presentouse en Monforte a edición crítica da Comedia da invención do anel, unha obra teatral representada durante unha estancia na cidade do cardeal Rodrigo de Castro que tivo por fin supervisar as obras do colexio creado por iniciativa súa. Un amplo estudo que acompaña esta publicación -a cargo dos filólogos Antonio Casarío e Miguel Zugasti- expón as circunstancias en que levou a cabo esta visita, a última que fixo a Galicia o soado personaxe.

A visita estendeuse desde mediados de xullo ata principios de novembro de 1594, co intermedio dunha viaxe que fixo o cardeal a Santiago en agosto. A construción do colexio empezara en abril do ano anterior e por entón limitábase practicamente aos cimentos do edificio. Segundo testemuños da época, boa parte do espazo no que debía levantarse o colexio estaba plantado de viñas, polo que houbo que arrincar as cepas para iniciar os traballos. O terreo fora comprado previamente ao prezo de 1.200 ducados polo sexto conde de Lemos, Fernando Ruiz de Castro, sobriño do cardeal.

Aínda que a construción estaba aínda nunha fase temperá, o colexio como institución xa levaba algún tempo en funcionamento. Os xesuítas que o rexentaban instaláronse en 1593 nunha casa das aforas -a súa localización exacta descoñécese, pero é posible que se atopase tamén na chaira da Compaña- que foi comprada polo cardeal. Nela impartíase o ensino que, conforme aos desexos do fundador, era totalmente gratuíta. Nunha escritura de dotación asinada por Rodrigo de Castro indicábase que o colexio monfortino tiña que ensinar a ler e escribir e tamén ofrecer clases de «gramática, retórica e artes» a nenos e adultos «sen pedirlles nin levar por iso intereses nin cousa algunha». Outros documentos históricos indican que en 1595 o colexio tiña uns catrocentos estudantes «de latinidad» e ensinaba a ler e escribir a uns trescentos nenos.

Aloxado no convento

Durante a súa estancia en Monforte -ou polo menos durante unha parte dela-, o cardeal estivo aloxado no convento de San Antonio, que existiu ata o século XIX no lugar que hoxe ocupa a casa consistorial. Suponse que ao longo dese tempo visitou con frecuencia os terreos onde se construía o colexio e departiu cos arquitectos e mestres de obras que dirixían os traballos. Tras estes meses de residencia en Monforte, Rodrigo de Castro dirixiuse a Madrid e de alí a Sevilla, onde exercía como arcebispo desde 1581. Nesta cidade andaluza morreu en 1600. As obras do colexio que fundou continuaron ata 1622.

Unha obra escolar para agradecer a fundación

A Comedia da invención do anel é unha peza de circunstancias na que se exalta ao prelado e agradéceselle a fundación do colexio. Foi representada por alumnos desta institución e escrita probablemente por un dos seus mestres de letras, que dominaba o castelán, o galego e o latín, as tres linguas que se utilizan no texto. A obra encádrase na tradición do teatro escolar que caracterizaba aos centros educativos da Compaña de Jesús.

Non se coñece con certeza a data na que se escenificou a peza, pero Antonio Casarío e Miguel Zugasti apuntan que puido ser pouco antes de que Rodrigo de Castro abandonase Monforte, o 8 de novembro de 1594. Tampouco se sabe en que lugar ofreceuse a representación, á que asistiron o propio cardeal e os condes de Lemos, que son mencionados repetidas veces na obra. Os investigadores din que puido ser no palacio condal ou no convento de San Antonio. Pero engaden que tamén é posible que a función se desenvolvese na chaira situada ante o novo colexio, onde sería doado montar un tablado provisional para acoller a montaxe escénica que requiriría o texto.

A obra divídese en dúas partes e compleméntase con varios entremeses ou escenas cómicas, unha delas falada en galego. Dada a súa extensión, a posta en escena ocuparía dúas xornadas sucesivas.