Morre en Monforte Germán Macía, símbolo da loita contra a ELA

LEMOS

Roi Fernández

Recibira distintas homenaxes nos últimos meses por parte de amigos e compañeiros seus da Garda Civil de tráfico

20 may 2017 . Actualizado ás 22:18 h.

O garda civil Germán Macía Rodríguez morreu a madrugada do venres no hospital de Monforte. De 46 anos, converteuse nun símbolo da loita contra a Esclerose Lateral amiotrófica (ELA), a enfermidade que lle causou a morte. O mércores celebrouse en Monforte o que finalmente foi a última homenaxe a Germán, un partido de fútbol entre o Arenas e o Sarria FV, os equipos nos que xogara hai uns anos.

A Germán diagnosticáronlle ELA en outubro do 2016, pero os primeiros síntomas desta enfermidade empezara a notalos aproximadamente un ano antes. Desde o momento que soubo o que tiña, empezou a militar na loita contra o que el definía como «mal traizoeiro que se oculta e non deixa que o detecten».

Germán reclamaba un maior esforzo das institucións públicas na investigación médica sobre a ELA, que neste momento é unha enfermidade para a que non hai cura, e un tratamento similar en todas as comunidades autónomas para os pacientes diagnosticados. A este respecto, Germán escribiu fai uns días nun artigo de opinión publicado en La Voz de Galicia que «non pode ser que haxa comunidades autónomas nas que existan unidades específicas dela con seguimento da enfermidade a cada un dos enfermos e aplicación de coidados específicos e outras, como esta, nas que unha vez diagnosticado mándenche para casa cunha sentenza de morte sobre a túa cabeza agardando que chegue ese día».

O pasado mes de marzo decenas de compañeiros seus da Garda Civil, desde axentes de rúa a altos oficiais, reuníronse nun restaurante de Monforte para renderlle homenaxe. Tras a comida, Germán interveu para agradecerlles a todos o seu cariño e lembrou o seu paso polos seus distintos destinos ata recalar no destacamento de tráfico de Monforte.

Esta mesma semana, os seus colegas de traballo e os seus antigos compañeiros de equipo no club de fútbol Arenas, do barrio monfortino de Carude, e no equipo de veteranos de Sarria tributáronlle outra homenaxe no campo Luis Adegas. Os organizadores quixeron aproveitar a ocasión para recadar fondos para a investigación sobre a ELA. Conseguiron preto de 2.000 euros.

Germán Macía acudiu a presenciar o partido na cadeira de rodas que tiña que utilizar desde hai meses, cando a enfermidade a reduciu drasticamente a mobilidade. Durante o corredor que lle fixeron no campo, Germán demostrou a mesma enteireza que mantivo desde que a diagnosticaron a enfermidade. A moitos dos seus familiares e amigos sorprendíalles comprobar que o seu ánimo non se crebaba.

De carácter vitalista e resolto, asumira a enfermidade e as súas consecuencias desde o primeiro momento. A forza, dicía Germán, proporcionábanlla os amigos, que en ningún momento deixaron que se sentise só, e a súa familia. «A miña filla Alba -dixo nunha entrevista a principios do pasado mes de marzo- contáxiame a súa alegría».