O Goberno di que a mellora do regadío frustrouse porque a Xunta non achegou fondos

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

En Marea obtivo esa resposta tras presentar unha iniciativa no Congreso sobre os plans para a canle

18 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Os fondos que ían destinarse á modernización do regadío Val de Lemos, nun plan financiado con axudas europeas que debería estar listo no ano 2013, acabaron sendo investidos con fins similares na provincia de Valladolid . A explicación que se deu entón foi que non se podía realizar o gasto sen levar a cabo antes unha concentración parcelaria da área de dominio da canle que discorre polo sur lucense. O verdadeiro motivo, polo que parece, foi outro moi distinto e de carácter económico.

Segundo a información que acaba de obter En Marea, en resposta a unha iniciativa sobre esta cuestión no Congreso, o convenio non foi adiante porque a Xunta non orzou a cantidade que lle correspondía. A Sociedade Mercantil Estatal de Infraestruturas Agrarias (Seiasa) contactou entón coa administración autonómica e a resposta que obtivo foi que a firma do acordo era inviable «por non existir crédito dispoñible».

O deputado de En Marea Miguel Anxo Fernán Vello interesouse ante o Goberno polos motivos polos que non chegou a asinarse o convenio para a modernización da canle do Val de Lemos, no que estaban implicados Seiasa, a Xunta de Galicia e a propia comunidade de regadores. Da resposta do Goberno despréndese que o desmarque da administración autonómica frustrou a realización das melloras, que en Galicia levaron a cabo na Terra Chá e A Limia.

O Goberno precisa que non houbo contactos coa comunidade de regadoras porque estaban fóra de lugar ao frustrarse o financiamento das obras da canle. «Cando se subscribe o convenio, inícianse os traballos preparatorios para a execución das obras por parte de Seiasa, como é a redacción do proxecto, a memoria ambiental e, no seu caso, o estudo de avaliación de impacto. Como non se subscribiu, non levará a cabo ningunha destas actuacións», precisa o Goberno.

En só un mes

O Ministerio de Agricultura tiña no 2008 unha partida reservada para obras na canle Val de Lemos que se investiu finalmente en Tordesillas. A noticia transcendeu nunha asemblea de regadores celebrada no salón de actos da Cooperativa Lemos. Tanto o delegado da Consellería de Medio Rural, cargo que recaía entón en Emilio López, como o representante de Seiasa indicaron que non se podía renovar a canle do Val de Lemos sen unha maior superficie de terreos concentrados. Se se liquidaba ese problema, o ministerio comprometíase a activar o convenio para a realización das obras «nun mes».