Catro de cada dez baixos comerciais do centro histórico están desocupados

Luis Díaz
LUIS DÍAZ MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

roi fernández

A maioría dos propietarios de negocios ven «regular» a situación económica

18 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O ordenamento do tráfico e do aparcadoiro é un dos principais motivos de preocupación dos propietarios de negocios do conxunto histórico. Así o pon de relevo unha enquisa que realizou o equipo redactor o pasado ano durante a recollida de datos para o plan especial de protección. A outra gran inquietude de comerciantes e hostaleiros é o crecente despoboamento de amplas zonas da zona vella. A análise demográfica realizada polos técnicos non anima ao optimismo neste sentido. En rúas como os Abeledos ou Santa Clara, catro de cada dez residentes teñen máis de 65 anos.

A enquisa incluída na documentación do plan especial tamén revela que a maioría dos comerciantes e hostaleiros son partidarios da apertura de novas actividades no centro histórico. Os propietarios dos negocios parecen preferir unha maior competencia á imaxe de abandono que ofrece a presenza de numerosos baixos sen aproveitar. A rehabilitación das edificacións é outro motivo importante de preocupación, por amais mesmo do arranxo de rúas e prazas. Moi poucos negociantes creen, pola contra, que a seguridade cidadá sexa un motivo de inquietude.

Os datos sobre ocupación de baixos comerciais solicitados polo equipo redactor xustifican a inquietude dos propietarios de negocios pola reactivación do centro histórico. No ámbito do plan contabilízanse 472 plantas baixas de uso comercial, das que 279 están ocupadas e 193 non teñen aproveitamento desde o cesamento da última actividade. Destas cifras despréndese que en algo máis do 40% dos locais dispoñibles non funciona ningún tipo de negocio.

Comercios e bares

O comercio é con diferenza a principal actividade económica no conxunto histórico, con 145 altas sobre unha total de 472. A continuación figuran os bares, que de acordo cos datos do plan especial son 53. O equipo redactor preguntou aos titulares dos negocios sobre a súa percepción do actual panorama económico e o impacto que supón para a súa actividade. As porcentaxes dos que ven a situación «moi ben» ou «moi mal» son do 3,98 e o 5,68%, respectivamente. A maioría dos enquisados, un 43,14% concretamente, prefiren cualificala de «regular». O 27,7% sosteñen que a situación é «boa», mentres que un 16,48% vena «mal».