Presentan o viño elaborado só con uvas da espectacular viña Cividade

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O lugar está situado nun recuncho do canón do Sil onde só se pode vendimiar en barca

28 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Centro do Viño de Monforte acolleu onte a presentación en sociedade dunha edición limitada da adega Cividade. Trátase dun viño elaborado en exclusiva con uvas da viña que dá nome a esta adega de Sober, unha emblemática parcela do canón do Sil situada nun lugar tan inaccesible que os seus propietarios teñen que vendimiarla en barca.

Situada xusto debaixo do miradoiro que se chama tamén así, esa viña dá nome á adega e é a marca coa que comercializa os seus viños desde sempre. Pero ata agora, a adega elaboraba os seus viños mesturando estas uvas coas doutros terreos. Esta é a primeira vez que pon no mercado un viño feito só con estas uvas.

Esta edición, que corresponde á colleita do 2016, sae á venda cunha produción de só setecentas botellas.

Na presentación, que se celebrou a última hora da tarde de onte, participaron os responsables da adega, o enólogo que traballa con eles e outros representantes do sector. O acto incluíu unha cata para todos os asistentes.