Un tesouro artístico esquecido no teito da igrexa de Pinol

CARLOS RUEDA / FRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O artesonado do templo conserva en gran parte a súa policromía, case única en Galicia

23 abr 2017 . Actualizado ás 08:57 h.

A Consellería de Cultura licitou recentemente a primeira fase do proxecto de restauración da igrexa soberina de San Vicente de Pinol, que encerra un valioso patrimonio histórico e artístico. Un dos seus elementos máis destacados e menos coñecidos é o artesonado do teito, de madeira de nogueira, que presenta un carácter case único en Galicia polo seu estado de conservación. A estrutura -así como as vigas que o sosteñen- está decorada con figuras xeométricas, motivos vexetais e representacións de animais fantásticos.

O artesonado non conserva toda o seu policromía orixinal, xa que co paso do tempo algunhas das madeiras foron substituídas por outras sen pintar, pero posúe de todos os xeitos un valor excepcional. Aínda non se fixo un estudo artístico detallado deste elemento, pero os expertos supoñen que as pinturas son da mesma época que a maior parte dos valiosos murais que cobren as paredes interiores do edificio, é dicir, do século XVI. O mal estado do teitume da igrexa -que será o primeiro que se rehabilitará- deu pé a que a tinguidura a madeira de nogueira se escurriese en certos lugares por mor das filtracións de auga e manchase algunhas as pinturas dos muros, que están na súa maioría cubertas de cal.

Figuras visibles

Esta cobertura, como sucedeu en moitas outras igrexas, axudou a que os murais se conservasen ata hoxe, aínda que non impediu que sufrisen unha deterioración importante por mor da humidade. Nalgunhas zonas nas que se perdeu o cal pódese ver en parte as figuras pintadas que hai por baixo. É é o caso dunha representación do martirio de san Sebastián e dunha imaxe de san Cristóbal, da que só se ve un garrote, que constitúe un dos seus atributos típicos.

A igrexa distínguese tamén polo valor dos seus retablos, que foron estudados recentemente pola historiadora soberina Saleta López Vázquez nun máster de final de carreira. Un deles, o altar maior, atópase na ábsida do tempo. Nos muros laterais hai outros dous que -segundo explica a investigadora- non pertencían orixinalmente a esta igrexa. A súa procedencia descoñécese, pero está claro que presentan un elevado interese artístico. Un deles, datado no século XVII, representa a Sacra Familia sobre un gran lenzo encadrado por pilastras decoradas con flores e froitos e imaxes de san Antonio, san Roque e san Blas. O outro retablo, do século XVIII, alberga imaxes de san Vicente, a Virxe do Carmen e o Sacro Corazón. Esta peza lembra o retablo maior da igrexa de Amandi e podería ser obra do mesmo autor, o mestre ensamblador Ángel Rodríguez.

Doutra banda, o templo conserva unha notable decoración románica. As columnas que do arco do cruceiro están coroadas por capitais esculpidos nos que están representadas unha escena do Xénese -Adán e Eva xunto á árbore do Paraíso- e varias figuras animais de complexa interpretación.