Folgoso do Courel cubriu todas as súas prazas hostaleiras en Semana Santa

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

O Concello resalta o interese dos turistas polo sendeirismo e o barranquismo

20 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O incremento da afluencia turística que se rexistrou durante a Semana Santa nos municipios da Ribeira Sacra tamén se fixo notar no municipio de Folgoso do Courel, segundo as cifras que deu a coñecer o Concello. O goberno local sinalou que durante o pasado período quedaron ocupadas todas as prazas de aloxamento dispoñibles no municipio, que suman en total 376. Os responsables municipais apuntan a este respecto que as prazas se incrementarán proximamente coa apertura de de novos establecementos en Folgoso e Parada.

Doutra banda, a oficina de turismo creada recentemente no municipio atendeu durante a Semana Santa a 106 visitantes. Desde o Concello sinalan que a maior parte destas persoas eran parellas e familias con nenos, con idades comprendidas principalmente entre os 35 e os 45 anos. De acordo cos datos recolleitos na oficina, o tempo de estancia máis común foi de dous días. Unha boa parte dos visitantes que acudiron a este servizo, doutra banda, hospedáronse noutros municipios.

Polo que respecta ás consultas, o goberno local sinala que as máis frecuentes foron as relativas ás rutas do sendeirismo e a lugares emblemáticos do patrimonio local. Os visitantes tamén solicitaron información sobre as posibilidades de practicar no municipio deportes de aventura, barranquismo e espeleología.

O goberno localal sinala por outra banda que está previsto editar proximamente unha serie de folletos acerca das rutas de barranquismo do canón do río Carballido, sobre as que xa se ofrece información na web municipal. O Concello pretende promocionar especialmente este recurso, que considera como unha «gran achega» á candidatura da comarca para ingresar na rede de geoparques da Unesco.