Unha xoia artística da Ribeira Sacra que se poderá ver no verán

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

A restauración dos murais de Nogueira de Miño entra na súa recta final

08 abr 2017 . Actualizado ás 22:23 h.

A restauración dos murais renacentistas da igrexa chantadina de Nogueira de Miño xa entrou na recta final, pero os turistas que visiten a Ribeira Sacra en Semana Santa non poderán admirar este conxunto artístico, considerado como o máis importante desta época en Galicia xunto co de Santa Baia de Banga, no Carballiño. Os traballos da última fase empezaron no principio do ano e xa están moi avanzados, pero as obras non serán entregadas ata finais de maio ou principios de xuño. Tendo en conta que deben pasar ademais por unha revisión dos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, agárdase que a igrexa poida abrirse ao público en xullo.

Os traballos que se executan actualmente consisten en restaurar as pinturas da bóveda da cabeceira da igrexa, que estiveron durante moito tempo ocultas baixo varias capas de cal. O equipo de restauración puxo ao descuberto as figuras dun león alado e un touro -símbolos dos evanxelistas Marcos e Lucas, respectivamente- e tamén as dun sol con rostro humano acompañado dunha lúa e numerosas estrelas.

As pinturas situadas nesta parte do templo aínda non foron examinadas por expertos en historia da arte, pero crese que non se deben ao chamado Mestre de Nogueira, un artista anónimo da segunda metade do século XVI -caracterizado por unha gran calidade- ao que se atribúen as que están situadas nos muros da nave e outros conxuntos pictóricos conservados en diferentes igrexas da provincia. As da cabeceira parecen ser algo anteriores -talvez de mediados ou finais do século XV, ou de principios do XVI-, pero mentres non se realice un exame técnico non se pode dicir nada en firme a este respecto.

Ocultas por un retablo

Unha parte dos murais da cabeceira está oculta por un retablo barroco de notable valor que se sitúa tamén nesta parte da igrexa. A mencionada figura solar, de feito, está tapada en parte polo retablo, pero por agora non se expón mover esta peza da súa actual localización para deixar esas pinturas ao descuberto. Os restauradores apuntan que o retablo está moito mellor conservado que a maioría dos que se gardan nas igrexas galegas e polo tanto non considerar conveniente desmontalo ou recolocalo.

Doutra banda, cando o retablo foi construído e instalado neste lugar -no século XVIII-, as pinturas da cabeceira xa estaban tapadas con cal desde facía uns douscentos anos, segundo puideron determinar os restauradores. Quen colocaron o retablo na cabeceira da igrexa -explican os técnicos- talvez nunca souberon que existían esas pinturas ou se sabían que estaban alí non lles deron importancia.

Nas próximas semanas restauraranse as pinturas da parte baixa da cabeceira e tamén o retablo barroco. Esta última operación poderá facerse con rapidez, xa que consistirá sobre todo en retirar a sucidade que o cobre. A pintura que o decora está moi ben conservada e só necesitará uns pequenos retoques para quedar presentable.

O final dun longo proceso de rehabilitación que empezou fai unha década

Unha vez acaben os traballos que se realizan na cabeceira, a restauración da igrexa de Nogueira de Miño poderá darse por rematada. Desta forma acabará un longo proceso que empezou fai unha década e que se desenvolveu durante varias fases.

2007. Este ano empezaron as obras de rehabilitación do edificio, que afectaron á cuberta e aos muros. Estes traballos comprenderon a eliminación das filtracións de auga que sufría a igrexa, un paso imprescindible para acometer a restauración das pinturas.

2012. A restauración da igrexa detívose durante varios anos, coincidindo co estalido da crise económica, e renovouse nesta época. Nesta ocasión comezó a restauración das pinturas do muro norte da igrexa, que os expertos consideran como obras do Mestre de Nogueira.

2014. Este ano empezou unha nova fase, na que se recuperaron murais do Mestre de Nogueira pintados no muro sur. Neles poden verse as marcas dos esbozos -chamadas monteas- que deixaron os mestres de obra que reformaron a igrexa no século XVII. Estes debuxos foron feitos sobre a capa de cal que levaba xa moito tempo tapando as pinturas.

2015. Hai dous anos levou a cabo outra intervención, neste caso para rehabilitar as pinturas que cobren o arco do triunfo do templo. Despois só quedou recuperar as da cabeceira, o que se está facendo agora.