Grazas, Monforte

Antón Acevedo MÉDICO E EXGERENTE DO HOSPITAL DE MONFORTE

LEMOS

02 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Catro anos pasaron desde que fun presentado como xerente do Hospital Comarcal de Monforte. Antes de aceptar a responsabilidade, consultando con xente coñecedora da realidade social e sanitaria da comarca, presentábaseme unha situación complexa, con protestas, medos e reticencias cara á implantación dunha nova forma de xestión sanitaria, a xestión integrada.

Coa experiencia destes catro anos creo que gran parte destes temores hanse disipado. Aqueles argumentos que incidían en que se perderían especialidades, persoal, capacidade de resolución... demostráronse erróneos. O hospital gañou servizos, incrementou o número de facultativos, os servizos xa existentes gañaron capacidade de resolución implementado novas técnicas e procesos que antes motivaban que os pacientes tivesen que ir a Lugo ou a outros hospitais de referencia e agora fanse en Monforte. Levouse a cabo unha importantísima renovación tecnolóxica e das infraestruturas, que modernizaron e preparado ao hospital para os retos que quedan por vir.

Facía moitos anos que non se producía un nivel de actividade tan alto no mesmo. Preto de 100.000 consultas, 3.500 intervencións cirúrxicas, miles de probas de imaxe, analíticas, ingresos, quirófanos cun rendemento superior ao 80%... Non son senón o reflexo da enorme implicación e capacidade de traballo dos máis de cincocentos traballadores desta institución.

Foi para min un inmenso privilexio haber podido dirixir este hospital durante estes catro anos. Quero expresar a miña inmensa gratitude aos profesionais, poboación , autoridades, sindicatos, medios de comunicación... que lograron que o hospital avance e mellore na calidade da atención aos nosos pacientes. E no persoal lévome infinidade de amigos e de persoas que demostraron unha calidade humana excepcional.

Este hospital, esta comarca, merece moito a pena. Merece un futuro á altura das súas xentes e correspóndenos a todos pór o mellor da nosa parte para que ese brillante futuro sexa realidade. Grazas a todos de corazón. Nunca esquecerei.