Quintá de Lor, terra de ouro, viñedos, troitas e anguías

carlos roda / francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Unha parroquia de Quiroga, actualmente moi despoboada, conserva un singular patrimonio

15 jun 2017 . Actualizado ás 07:50 h.

A parroquia quiroguesa de Quintá de Lor atópase no límite deste municipio co da Pobra do Brollón. Esta formada polos núcleos de Pozos, O Xanelo, O Pacio e A Trampilla, que durante as últimas décadas han sufrido unha drástica recesión demográfica. Hoxe só hai unha casa ocupada en cada aldea, fóra do Xanelo onde hai dúas. Un breve percorrido, que se pode facer en coche, serve para coñecer esta interesante zona, antesala da montaña do Lor.

O percorrido empeza xunto á ponte de Barxa de Lor, no núcleo coñecido pola Ponte. Trátase dunha importante obra de enxeñería, de orixe posiblemente romana, que sufriu importantes reformas a mediados do século XVI. O arco de maior tamaño, lixeiramente apuntado, indica claramente que a súa fábrica é de orixe medieval. Por esta ponte discorría unha vía romana secundaria que unía Valdeorras con Belesar e que hoxe forma parte do Camiño de Inverno.

Na parte máis alta da ponte hai unha pedra do século XVIII como elemento decorativo.

Minería romana

A continuación pasamos pola Trampilla, onde quedan restos dunha explotación mineira romana ao descuberto. Avanzamos uns trescentos metros máis por un camiño fondo ata chegar a un cruzamento de estradas. Desviámonos pola da dereita e outros trescentos metros máis adiante hai que tomar un desvío á esquerda para chegar a Pozos, situada a uns oitocentos metros. O nome da aldea débese aos pozos que tiña, como mínimo un por vivenda. Aínda que só conta con cinco casas, en tempos chegou a ter medio centenar de veciños. Hoxe vive en Pozos un matrimonio de xubilados, Enrique e Rosa. Enrique dedica parte do seu tempo libre a tallar bastóns de distintos tipos de madeira: castiñeiro, cerdeira, avellano...

De Pozos hai que regresar ao cruzamento para A Trampilla e seguir polo viario da dereita en dirección ao Pacio e O Xanelo. Ao cabo duns catrocentos metros hai unha bifurcación. Debemos tomar o ramal da esquerda para ir ao Xanelo, situado a uns catrocentos metros do desvío. O lugar tivo en tempos preto de vinte veciños, pero hoxe só ten dúas casas habitadas.

Fronte ao Xanelo, alén do río, onde o arroio de Barxa desemboca no Lor, estaban a presa e o caneiro ou pesqueira de Pepe do Olmo. Os veciños lembran que xunto ao caneiro tiña unha pequena construción onde pasaba as noites cando era o tempo das crecidas e onde gardaba a pesca. Por entón pescábanse na zona moitas troitas e anguías. A instalación contaba con permiso legal, pero perdeuno fai uns trinta anos, cando cambiaron as leis ambientais.

Conflito cos maderistas

A presa e o caneiro de Pepe do Olmo tamén foron causa de enfrontamentos cos maderistas e os traballadores que conducían troncos polo Lor abaixo. O propietario esixíalles dereitos de paso, que debían pagar en diñeiro ou madeira. Pero os interesados -sinalan os veciños- non estaban por pagar e unha vez foron a buscalo á presa para ameazalo. Houbo mesmo tiros ao aire e o dono refuxiouse na caseta berrando que o querían matar. Ao final tivo que desfacer o caneiro.

Na parte baixa do Xanelo tamén houbo unha explotación mineira romana, hoxe cuberta polas viñas e a vexetación silvestre.

Da aldea sae unha pista que leva ao lugar do Pacio, situado a medio quilómetro, e que pasa por unha zona de viñedos coñecida polo Patao e Arribada. No Pacio viviron outrora ata cinco familias numerosas, pero hoxe o lugar só está ocupado por un matrimonio británico que en tempos recentes comprou e rehabilitou unha vivenda. Tamén foi zona de viñedos e producía unha importante cantidade de viño. Pero hoxe só se conserva unha pequena parte das antigas viñas.

 

DESDE MONFORTE

Hai que saír de Monforte pola LU-933 en dirección a Quiroga. No quilómetro 16,7 e á altura do viaduto da Labrada, hai que desviarse á esquerda para o lugar da Ponte, situado a uns catrocentos metros do cruzamento