Tres operacións de compra e unha ruína

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Cúmprense vinte anos desde que a familia Gasset vendeu o hotel balneario da Ferrería

05 feb 2017 . Actualizado ás 21:10 h.

O balneario do Incio era unha das paradas habituais das visitas oficiais maratonianas que Manuel Fraga acostumaba facer ás montañas do sur de Lugo cando era presidente da Xunta. A reactivación do hotel foi un empeño persoal seu no que colaborou a Xunta e na que chegaron a involucrarse sucesivamente tres empresas distintas. Ningún deses tres intentos chegou a ningunha parte. As obras de rehabilitación do vello hotel levan dezaseis anos paralizadas e ese edificio, a capela e a fonte de augas ferruxinosas acumulan abandono. Non parece haber ningún proxecto para resucitar as obras.

Este 2017 cúmprense vinte anos desde que os seus antigos propietarios da familia Gasset venderon o hotel e o resto das instalacións que estaban vinculadas ao vello balneario. A propiedade incluía o manancial, o hotel situado na vila de A Ferrería e a súa leira, e un terreo anexo de 1.200 hectáreas. O balneario pechara as súas portas en 1995, porque o negocio languidecía desde facía tempo e porque a instalación eléctrica quedou anticuada e xa non era segura.

O comprador era Alba Mercadotecnia, unha empresa propiedade do empresario pontevedrés Aladino Barros. O edificio estaba nun estado razoablemente bo, pero para sacar adiante o negocio facía falta ampliar a súa capacidade e darlle un lavado de cara. Así que o novo propietario encargou un proxecto técnico de rehabilitación que revelou que as obras custarían seiscentos millóns de pesetas.

Só gastou o 20%

As obras empezaron, pero segundo desvelaría uns anos despois o entón alcalde do Incio, Anxo Camiño, Alba Mercadotecnia soa chegou a investir o 20% do que tiña previsto, o que equivale a uns 120 millóns de pesetas. Pero en 1999 as obras xa se retardaron por «dificultades económicas» da promotora. Un pequeno accidente que provocou un derrumbe parcial dentro do edificio en obras deulle a puntilla ao proxecto. Tres anos despois Aladino Barros pasaríalle a testemuña do proxecto á empresa Isolux que uns meses despois o abandona para pasarllo a Xardín dás Burgas, unha firma ourensá que naquel momento tamén tiña plans para abrir un balneario urbano no centro de Ourense. Eles son os últimos donos coñecidos do balneario do Incio.

Os veciños non viron moverse unha pedra na zona de obras desde hai anos. Hai tempo tamén que a Xunta e o Concello do Incio gardan silencio sobre un proxecto que en tempos recibira un importante respaldo público.