Unha praga esténdese polas plantacións de piñeiro do Saviñao

carlos cortés / roi fernández MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

Técnicos da Xunta examinarán os exemplares afectados para ver de que se trata

08 oct 2016 . Actualizado ás 22:33 h.

Unha praga esténdese desde mediados do verán polas plantacións de piñeiros do municipio do Saviñao. A enfermidade seca as follas das árbores e parece ter a súa orixe na parroquia da Az. Os propietarios afectados aínda non saben cal é a causa nin a gravidade que pode ter. Técnicos da Consellería de Medio Rural visitarán nos próximos días a zona afectada para tratar de pescudar de que se trata.

Manuel Juiz é un dos veciños que ten plantacións afectadas. «Empezouse a ver hai aproximadamente dous veces e xa parece que se estendeu a outros sitios», explica. No seu caso, ten piñeiros tocados por esta praga en dúas leiras distintas, que suman catorce hectáreas e ao redor de 20.000 exemplares plantados.

As árbores de Manuel Juiz están na parroquia da Az. Ao parecer, foi alí onde se empezaron a ver a finais do mes de agosto os primeiros piñeiros con follas secas. Dous meses despois as manchas amareladas que delata a presenza de exemplares secos xeneralizáronse entre as masas forestais desta parroquia, situada ao norte do municipio do Saviñao e preto do límite co de Bóveda, E tamén se empezan a ver nas parroquias próximas.

Pero a pesar de todo, o primeiro aviso non chegou ata onte á oficina agraria comarcal, con sede en Monforte, cando un dos propietarios acudiu a explicar o que estaba a pasar nos seus piñeiros. Por esa razón, non hai aínda un diagnóstico que indique que enfermidade é nin se puxo en marcha tampouco ningún tratamento de forma sistemática e coordinada.

Sexa o que sexa, parece afectar por igual a exemplares adultos e plantas novas. As follas de arriba son as primeiras en secarse e despois vai caendo o resto da árbore.

A peor opción é que se trate do nematodo que apareceu en Portugal en 1999

Pouca choiva e altas temperaturas. Os dous factores que caracterizaron este verán no sur da provincia de Lugo son o mellor caldo de cultivo para todo tipo de pragas forestais. Os especialistas teñen que determinar agora cal é a que está a afectar ás plantacións do Saviñao. Ningunha alternativa é boa, pero está claro que a peor é o denominado nematodo do piñeiro. As medidas estandarizadas para tratar de impedir a súa propagación por Europa inclúen tallas obrigatorias e masivas e restricións á comercialización de madeira procedente das zonas infectadas, que ten que ser previamente tratada con altas temperaturas. Trátase dunha especie foránea que en territorio europeo foi detectada por primeira vez en 1999 en Portugal. En Galicia só hai constancia da súa presenza na comarca do Condado, onde o sector madeireiro soporta desde o 2010 medidas de corentena.

O nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus) é un escaravello que na súa fase larvaria aliméntase de madeira. Pode matar a unha árbore en catro ou cinco meses e unha vez que se instala é case imposible de eliminar. Por iso recórrese ás tallas de árbores enfermas para frear a súa dispersión.

En calquera caso, a do nematodo non é a única posibilidade. As plantacións forestais de piñeiros en Galicia son vulnerables tamén a outros patógenos como o gurgullo, a procesionaria, coleópteros perforadores como o Ips sexdentatus ou o Hylobius abietis, ou as distintas especies de insectos denominadas cochinillas dos piñeiros.