Polas terras do Incio, onde o Cabe é novo

carlos roda, francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Riqueza paisaxística e arquitectura tradicional conxúganse entre Hospital e San Pedro

15 jun 2017 . Actualizado ás 13:19 h.

A totalidade da conca do Cabe está considerada como lugar de interese comunitario dentro da Rede Natura 2000. Un dos seus tramos máis interesantes atópase na parte superior do curso, nas terras do Incio, entre as parroquias de Hospital e San Pedro. No seu percorrido por esta zona, o río atravesa un val de suaves ladeiras, de gran riqueza forestal e con interesantes mostras de arquitectura popular.

O percorrido empeza na aldea de Carralcova, onde se conservan diversas construcións de tipo tradicional e certos elementos de interese etnográfico, como unha aira de mallar e varios hórreos. Uns douscentos metros máis adiante está a vila de Dontide, onde destaca unha capela dedicada a San Antonio e un conxunto formado por un lavadoiro, unha fonte e un pozo. O recuncho é coñecido por Fonte de San Antonio e presenta un bo estado de conservación.

Seguimos o percorrido en descenso e en dirección ao núcleo de Barreiro, que se atopa a unha distancia duns seiscentos metros. Neste lugar temos importantes mostras de arquitectura tradicional que en tempos recentes foron rehabilitadas de forma correcta, respectando a tipoloxía propia desta zona de montaña.

Cara a Pena e San Pedro

A pouco máis dun centenar de metros está a aldea de Pena, outra notable mostra da arquitectura característica deste territorio. Na parte baixa deste núcleo atópase a aldea de Casas, abandonada e practicamente en ruínas, do mesmo xeito que un muíño que está ao lado da última vivenda.

Seguimos o percorrido, cruzamos o río Cabe e viramos á dereita polo asfalto, marchando en paralelo á marxe esquerda da canle. Ao cabo duns oitocentos metros chegamos ao conxunto parroquial de San Pedro, formado pola casa reitoral e a igrexa. Unha trintena de metros antes e á esquerda da estrada hai un cruceiro que destaca polas súas dimensións e que consta dun gran pedestal e unha sinxela cruz en mármore da zona. A igrexa non posúe moitos elementos arquitectónicos de interese, que se limitan á porta de entrada con arco de medio punto e construída con mármore do Incio. Nun lateral do templo áchase o sepulcro da condesa de Campomanes. Nas inmediacións hai unha necrópole megalítica formado por dúas túmulos funerarios.

Unha presa con fervenza

Por baixo do templo e na canle do Cabe atópase a presa de San Pedro, unha construción de gran tamaño que serve para canalizar unha parte do caudal e regar prados e hortas de ambas as beiras do río. A paraxe que creou esta presa e a fervenza que forma na súa caída caracterízase por unha singular beleza paisaxística.

Seguimos avanzando polo viario asfaltado, cruzamos novamente o Cabe e comezamos un pequeno ascenso en dirección ao lugar de Saa, situado a un centenar de metros. Nesta aldea destacan unha fonte e un lavadoiro e os muros das súas vivendas, construídas na súa maioría con pedra calcaria da zona.

Do centro deste núcleo sae un camiño á dereita que leva a Lamas e Dontide, a uns cincocentos metros. O camiño discorre polo mesmo límite da leira do pazo de Dompiñor, que se levanta á nosa esquerda de forma dominante e a media ladeira sobre o val do Incio.

Esta casa palacio sufriu varias remodelacións ao longo da súa historia. A máis importante data de 1650 e foi realizada por quen era entón o seu propietario, Rodrigo Orozco e Losada. Parece ser que o pazo foi levantado sobre un edificio anterior, dous séculos máis antigo, do que só se conserva unha torre cadrada de tres alturas e varias pedras de armas. Destaca a súa orixinal capela circular e un retablo barroco que acubilla no seu interior.

 

INICIO DO PERCORRIDO

A ruta empeza á altura do quilómetro dous da estrada LU-642 que leva da Cruz do Incio a Hospital, onde hai un desvío á dereita sinalizado para Carralcova, Dontide e Barreiro. A primeira parada é o Carralcova, a uns 400 metros do desvío