«En Monforte hai desidia co legado do Paleolítico» 

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Nuns traballos de xardinería, Pena realizou os primeiros achados que deron pé ao amplo proxecto arqueolóxico que se desenvolve no sur lucense desde abril do 2006

16 ene 2016 . Actualizado ás 20:48 h.

En abril cúmprense dez anos do inicio do proxecto «Ocupacións humanas durante o Pleistoceno da conca Media do Miño», coordinado pola Universidade de Santiago e centrado no estudo dos xacementos paleolíticos do sur lucense. O plan xurdiu dos achados feitos por José Antonio Pena, veciño de Monforte desde 1986, afeccionado á arqueoloxía e propietario dun negocio de xardinería.

-Antes de instalarse en Monforte, xa tivera relación cos xacementos paleolíticos?

-Si, cando vivía en Ribadeo. Nesa época proxectábase un polígono industrial na parroquia de Vilaselán, onde se descubriu un xacemento en 1957. Eu presidía unha asociación veciñal e desde ela logramos parar o proxecto e salvar o xacemento.

-Como foron os seus primeiros achados en Monforte?

-Foi en febreiro do 2000 na zona da Gándara, facendo un traballo de xardinería. Para acondicionar un xardín utilicei un cargamento de terra que procedía das obras de ampliación do cemiterio municipal. Coa terra viñan unhas pedras que me chamaron a atención. Laveinas e vin que parecían lascas e núcleos. Sabía que no val de Lemos fíxose algún achado illado moito tempo antes, como o dun hendedor na parroquia de Distriz e un bifaz en Vilaescura, en Sober. Supuxen que na zona tería que haber máis materiais e púxenme a examinar os aterrazamientos terciarios por se aparecían máis cousas. Despois atopei máis útiles nunha chaira que se abriu nunhas obras na zona das Lamas.

-A quen avisou primeiro deses descubrimentos?

-Levei as pezas ao entón director do museo arqueolóxico de Vilalba, José Ramil Soneira, que veu tamén a Monforte, e entre os dous atopamos máis pezas. Tamén comuniquei os achados a Patrimonio, pero non se lles deu moita importancia, talvez para que non se tivesen que interromper aquelas obras. Os traballos seguiron e ao observar a terra que removían puiden recuperar máis artefactos. Despois seguín atopando máis noutras zonas da contorna de Monforte, ata reunir máis de trescentas. Todos estes achados os fixen na superficie do terreo e funos sinalando en mapas topográficos.

-Que pasou despois?

-Nunhas xornadas da Uned na Coruña mostrei os achados a uns arqueólogos que non eran especialistas no Paleolítico, pero que confirmaron o valor das pezas. Como non había ningunha iniciativa, contactei con Manuel Santonja, profesor da Universidade de Alcalá de Henares, que me pediu fotos e debuxos das pezas. El enviou a outro arqueólogo, César Chaira, que corroborou a calidade dos materiais.

-Como contactou por primeira vez cos investigadores do proxecto Atapuerca?

-Despois fun a Burgos e con quen primeiro falei foi coa arqueóloga Talía Lazuén, que me puxo en contacto con Eudald Carbonell, codirector das escavacións de Atapuerca. Foi el quen animou a outros investigadores do seu equipo a interesarse por estes achados. Así foi como viñeron a Monforte os arqueólogos Talía Lazuén, Xosé Pedro Rodríguez, Arturo de Lombera e Marcos Terradillos, e empezouse a fraguar o plan arqueolóxico. O proxecto trazouse en abril do 2005, un ano antes de que empezasen os traballos de campo.

-Tamén descubriu o conxunto de arte rupestre de Cova Eirós.

-Iso foi ao rematar a campaña de escavacións do 2011, a principios de setembro. Estiven a axudar a recoller os materiais e vin nunha parede da cova o que me pareceu o debuxo da cabeza dun oso.

-Monforte debería ter un museo paleolítico?

-Sería lóxico, porque nesta zona se acharon miles de pezas que abarcan un período enorme, desde o Paleolítico Inferior ata o Superior. É a principal localidade da zona e este legado sería moi importante para o turismo. Pero en Monforte ninguén se interesou por musealizar estes materiais. Hai máis interese en Quiroga e O Saviñao, aínda que nestes municipios só apareceron unhas poucas pezas. A verdade é que non entendo esta desidia.

Unha colaboración constante

Aínda que non é arqueólogo profesional, José Antonio Pena veu colaborando de forma constante nas investigacións dos xacementos paleolíticos do sur lucense. O ano pasado foi o único no que non participou nas escavacións de Cova Eirós, debido a unha rotura de nocello. Na foto da dereita, de abril do 2006 , os arqueólogos examinan os artefactos líticos que foron descubertos por Pena en Monforte durante os anos precedentes