Paseo en torno ao castro de Arxeriz

La Voz MONFORTE / LA VOZ

O Saviñao

Unha sinxela ruta permite visitar un poboado prehistórico do Saviñao

20 mares 2015 . Actualizado ás 13:29 h.

O Ecomuseo de Arxeriz, no municipio do Saviñao, acaba de acondicionar unha ruta circular de paseo -de 2,9 quilómetros de lonxitude- a fin de facilitar as visitas ao castro que se acha nos seus terreos e dar a coñecer os principais atractivos paisaxísticos da súa contorna. O percorrido empeza na entrada do museo, por un camiño que pasa xunto á capela do pazo que alberga as súas instalacións. Nos seus primeiros trescentos metros discorre polo que foi, ata mediados do pasado século, un dos robedales máis extensos da zona, cunhas dez hectáreas de superficie. Hoxe só quedan uns poucos exemplares destes carballos centenarios. Os demais foron tallados fai xa moitos anos e vendidos para fabricas travesas para o ferrocarril.

Despois o carreiro vira á esquerda e enlaza cunha rampla que leva á cima do castro. No ascenso ven as estruturas construtivas do castro que foron desenterradas durante os dous últimos anos. No percorrido tamén se pode admirar unha ampla vista da canle do Miño e en especial do meandro do Cabo do Mundo, que separa os municipios do Saviñao e Chantada.

Tras a subida, hai que volver á parte inferior do castro para retomar a ruta, bordeando o asentamento a través dun foso. Daquela o camiño dá un xiro á esquerda e empeza a descender no medio dun bosque autóctono onde predomina o carballo. Máis adiante hai un cruzamento, no que hai que seguir de fronte sen desviarse ata o quilómetro 0,8, onde hai un cruceiro sen especial valor histórico ou artístico, construído en 1995. O camiño vira á dereita e segue avanzando entre carballos e bidueiros.

Vexetación variada

No lugar da Mioteira, no quilómetro 1,4 da ruta, o camiño dá un brusco xiro á esquerda, por baixo queda a estrada que une Fión coa Cova. Neste tramo, a ruta discorre entre carballos, bidueiros, acacias, madroños, alcornoques, chopos e alisos.

No quilómetro dous, no lugar do Couso e preto do arroio de Soutomango, o camiño vira á esquerda e ascende en paralelo ao arroio. Uns cen metros máis adiante sae a un prado que hai que cruzar en sentido ascendente, en paralelo ao peche da leira, ata volver ao camiño orixinal. Seguimos andando durante medio quilómetro e pasamos xunto do pazo de Torre Vilariño, construído en 1720 e na actualidade convertido nun establecemento de turismo rural. Despois saímos á estrada que leva a Arxeriz. Hai que torcer á esquerda e andar polo asfalto durante uns 150 metros para entrar de novo nos terreos do museo e rematar o percorrido no punto de partida.

Un importante xacemento arqueolóxico que empezou a saír á luz no 2013

Nos anos 2013 e 2014 a Fundación Xosé Soto de Fión, propietaria do Ecomuseo de Arxeriz, promoveu dúas campañas de escavacións arqueolóxicas no castro situado nos seus terreos. Estes traballos continuarán desenvolvéndose nos próximos anos, pero o castro xa foi acondicionado para acoller visitas turísticas e mostrar ao público os restos de construcións que se puido desenterrar ata o momento.

A ruta compleméntase cunha visita ás instalacións do museo, cuxo obxectivo é conservar e divulgar o patrimonio arqueolóxico, histórico e etnográfico do municipio do Saviñao e de toda a Ribeira Sacra. Nas salas exhíbense numerosas ferramentas utilizadas nos labores agrícolas tradicionais - en especial as relacionadas coa viticultura- e nos antigos oficios, así como utensilios e aveños de uso cotián. Destaca unha sala dedicada á cultura fluvial, na que se expoñen os diferentes tipos de embarcacións utilizadas outrora na zona, así como antigas artes de pesca. As instalacións museísticas compleméntanse con paneis explicativos e abundante material gráfico.

Pezas arqueolóxicas

O museo reservou unha das súas salas para mostrar as pezas arqueolóxicas que están a ser exhumadas nas escavacións do castro e outras que foron recuperadas en diversos puntos do municipio. Por agora conta con poucas pezas, pero está previsto aumentar estes materiais en breve prazo.

O camiño foi dotado recentemente dun sistema de sinalización. Para a próxima primavera preténdese amplialo cunha serie de paneis explicativos nos que se indicarán, entre outros aspectos, as diferentes especies vexetais que poden verse ao longo do percorrido.

Como chegar

Hai que saír de Escairón, capital do municipio do Saviñao, por unha estrada que leva á parroquia da Cova e a Ferreira de Pantón. No quilómetro 3,3 é preciso desviarse á dereita para chegar ao Ecomuseo de Arxeriz, situado a uns trescentos metros do desvío