Libros de natureza para o verán

Antonio Sandoval Rey

LA VOZ DA ESCOLA

Ler nun xardín, no campo, na praia... ou na casa. Non é difícil xuntar natureza e libros coa selección presentamos nestas páxinas
Ler nun xardín, non campo, na praia... ou na casa. Non é difícil xuntar natureza e libros coa selección presentamos nestas páxinas Trevor Choi

Unha selección de títulos para o lector xuvenil centrados en temas medioambientais

21 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

¡Por fin! Xa está aquí o verán. Días longos, máis tempo que dedicar á familia e os amigos, aos paseos, os baños na praia, a piscina ou o río, o deporte...

¡E tamén á natureza! ¡E á lectura!

E que tal á natureza e a lectura á vez? Porque poucas sensacións lectoras hai parecidas a tombar ou sentar na herba ou na area, ao sol ou á sombra, segundo o gusto de cada cal, para gozar dun bo libro. E deixar entón que a música ambiental a poñan os paxaros, a brisa cando se enreda na ramaxe das árbores, talvez unha corrente de auga próxima ou as ondas do mar ao acariñar a beira.

Si ademais o libro é sobre a propia natureza, as súas paisaxes e ciclos naturais, a flora e fauna que os integran, a súa fermosura, a súa maxia ou o seu misterio, a combinación é xa perfecta. Logo, unha vez máis ao gusto de cada persoa, a obra pode consistir nunha guía de identificación, un manual para descubrir mellor os ecosistemas, unha novela de aventuras, unhas memorias naturalistas, un álbum de ilustracións ou fotografías... Por sorte, desde hai uns anos publícanse cada vez máis libros deste tipo en galego e castelán. Tantos, que nesta dobre páxina non poden caber todos.

Presentámosche aquí unha moi breve, é inevitable, selección dalgúns títulos ineludibles destinados a lectores xuvenís. A partir deles, seguro que es capaz de atopar moitos outros, por exemplo preguntando na túa librería ou biblioteca habituais.

Cando comeces a pasar estas ou outras páxinas que che propomos, recorda que tamén a natureza se le. Por exemplo, nas pegadas da fauna, nos moldeados do territorio, nas combinacións da flora, a altura e a temperatura, nas formas das nubes ou neses sons que chegan de moitas partes cada vez que te detés a escoitar o que ten que contarche a biodiversidade.

¡Feliz verán, e felices lecturas!

Memorias

«A miña familia e outros animais»

Gerald Durrell

Sushi Books, 2016

Divertidísimo. Non te perdas as aventuras naturalistas do mozo Gerry, o seu can Roger e a súa disparatada familia xusto antes da Segunda Guerra Mundial na illa grega de Corfú. Un clásico que non deixa de editarse desde hai medio século, porque segue facendo rir a pequenos e maiores.

 

 

«El círculo de agua clara»

Gavin Maxwell

Editorial Hoja de Lata, 2015

Narra as vivencias do autor nunha das illas Hébridas escocesas, onde se retirou para vivir en plena natureza coa única compañía dunha... ¡lontra! Un texto inesquecible, tamén con numerosas escenas moi divertidas.

 

 

«Dersu Uzala»

Vladimir Arseneiev

Editorial Debolsillo, 2016

Outro clásico dos grandes. Durante a súa exploración das selvas boreais do Ussuri, moi ao leste de Siberia, o seu autor trabou amizade para sempre co seu guía local, chamado Dersu Uzala. Esta é a historia das súas viaxes xuntos a principios do século pasado, e a descrición dun xeito de comprender a natureza que talvez xa non exista.

 

 

Novela

«BirdFlyway. Un viaje en familia por la ruta de las aves»

Antonio Sandoval Rey

Lynx, 2016

Escrita por quen asina estas páxinas, conta a viaxe dunha familia moi especial desde Escandinavia ata España tras as rutas migratorias de gansos comúns e aguias pescadoras. Acompáñalles un singular guía ornitolóxico, un tipo tan divertido como cheo de sorpresas.

 

 

«El hombre que plantaba árboles»

Jean Giono

Editorial José J. de Olañeta, 2007

Un mozo coñece durante unha excursión a unha zona illada de Francia ao pastor Eleazar Bouffier, quen emprendeu unha curiosa misión persoal: plantar todo un bosque. Van pasando os anos, crecen as árbores e...

 

 

«Cairo Branco»

Jack London

Xerais, 1997

Un lobo medio can. As extensións infinitas da rexión do Yukón, en Canadá. Cal será o seu futuro nunha terra cada vez máis poboada de cazadores e trampeiros? Para empezar, aventuras sen fin.

 

 

Ensaio

«Walden»

Henry David Thoreau

Errata Naturae, 2016

Un clásico que deu lugar a todo un xénero. O seu autor retirouse a vivir xunto á lagoa de Walden a mediados do século XIX. Regresou dous anos despois con infinidade de fermosas reflexións e descricións que hoxe manteñen a obra como un supervendas en España.

 

 

«Sonata del bosque»

Joaquín Araújo

Tundra Ediciones, 2014

Araújo publicou xa 106 títulos, e 80 máis como coautor e en libros colectivos. É o noso escritor de natureza máis prolífico. Esta é a súa obra máis profunda e persoal, unha meditación chea de poesía: «No bosque hai pasos que non se ven. Son pasos que non se perden».

 

 

«Los vencejos sueñan despiertos»

David Álvarez

Tundra Ediciones, 2015

Escrita por un sempre inconformista investigador da Universidade de Oviedo, esta apaixonante colección de ensaios sobre historia natural é unha das obras de divulgación arredor da biodiversidade e a súa conservación máis aditivas que podes atopar.

 

 

Guías

«Guía das aves de Galicia»

Xosé M. Penas Patiño, Carlos Pedreira López e Calros Silvar. Baía Edicións, 2004.

A primeira guía autonómica de aves en toda España foi galega. Esta é a súa revisión por parte dos mesmos autores, unha obra imprescindible para coñecer a nosa fauna. Baía Edicións ten moitas outras guías da biodiversidade galega.

 

 

«Guía de Aves de España y Europa»

Mullarney, Svensson, Zetterström e Grant

Ediciones Omega

Se desexas saber máis sobre as aves do resto de Europa, consegue esta outra guía, da que se venderon preto de dous millóns de exemplares no noso continente.

 

 

«Guía de iniciación á natureza»

Javier Moreiras Menor

Editorial Galaxia, 1999

Unha moi proveitosa invitación a dar os primeiros pasos no descubrimento da natureza de Galicia, con abundantes consellos útiles e numerosas ilustracións.

 

 

Fotografía

«Macrofotografía de naturaleza»

Luis Iglesias Núñez

Tundra, 2017

Recentemente saído do prelo, o seu autor pon á nosa disposición a súa experiencia de moitos anos, traducida en numerosos premios, tras os pasos da nosa fauna máis diminuta. Acompañado polas súas fotos extraordinarias, tomadas arredor da Coruña, nos seus diferentes capítulos descubrirás que os invertebrados son modelos fotográficos fascinantes, e non tan difíciles de retratar.

 

 

«El fotógrafo en la naturaleza»

José Benito Ruiz

JdeJ Editores, Fine Art Editions, 2013

A guía case definitiva para a toma de fotografías de natureza no noso país. Un supervendas do xénero que axudou a infinidade de afeccionados a dar os seus primeiros pasos tras a cámara, e a avanzar con pé seguro cara á obtención de imaxes cada vez mellores.

 

 

«Aves na Limia»

Esteban Solleiro

Editorial Arquitectura Viva AV, 2016

Unha excelente homenaxe fotográfica ás habitantes aladas da Limia, esa rexión do sur de Ourense onde ata hai algo máis de medio século estivo a lagoa de Antela, a maior de Galicia, e na que aínda se pode ver unha sorprendente diversidade de aves.

 

 

Ilustracións

«Ollos»

Xulio Gutiérrez e Nicolás Fernández

Editorial Kalandraka, 2016

O quinto volume da magnífica serie Animais Extraordinarios desta editorial recolle numerosos exemplos de diferentes formas de mirar de infinidade de criaturas. As ilustracións de Nicolás introdúcennos de xeito maxistral neses asombrosos mundos visuais descritos con precisión por Xulio.

 

 

«O carballo»

Calros Silvar

Baía Edicións, 2012

Unha delicia de libro, froito do traballo esmerado dun dos mellores ilustradores de natureza de Galicia. Segundo pasamos as páxinas descubrimos a través dos seus pinceis canto rodea a un carballo: o ecosistema que integra, a flora e fauna que del dependen... E as actividades tradicionais a el vinculadas.

 

 

«La forma del viento»

Juan Varela

Lynx, 2016

É o catálogo da exposición do mesmo nome que recolleu a obra de Juan Varela no Museo Nacional de Ciencias Naturales en Madrid. O mellor compendio posible da obra dun autor fundamental na ilustración de natureza recente no noso país.