A percepción estética das palabras

LA VOZ DA ESCOLA

pinto & chinto

Xesús Alonso Montero escribe sobre as voces máis fermosas do galego, segundo os falantes

21 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Edicións Fervenza e a Xunta de Galicia veñen de tirar do prelo un libriño asinado polo expresidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero, que o veterano colaborador de La Voz de Galicia dedica a un asunto no que teimou en non poucas ocasións. Sobre as palabras máis fermosas da lingua galega trata sobre a beleza intrínseca que os falantes outorgan aos vocábulos.

Este libriño é unha invitación a indagar nas razóns polas que unhas palabras gustan e outras non. Porén, esperamos que a ninguén lle pareza autogabanza empezar por dicir que o ilustre profesor non esqueceu mencionar unha macroenquisa entre estudantes que fixera A Voz na Escola (un suplemento nacido na redacción de La Voz de la Escuela) na que participaron máis de 20.000 estudantes na última metade do curso 92-93, o que superou todas as expectativas. Amais da publicación o 9 de xuño de 36 «decálogos», como os chama o ilustre mestre, enviados por institutos e colexios de toda Galicia, o número no que se presentaron os resultados, do 30 de xuño de 1993, contou coa inapreciable colaboración de Alonso Montero e significou a coroación inapelable de bolboreta.

Basta escribir no tradutor de Google esta palabra para comprobar as diferenzas entre as linguas: butterfly (inglés), petalouda (grego), papilionem (latín), babochca (ruso), fluture (romanés)... Á vista deste resultado, non é doado atopar quen defenda hoxe en día unha relación intrínseca (ou motivada) entre o significante e o significado das palabras. A clásica discusión recollida por Platón no Cratilo sobre a orixe natural ou convencional da linguaxe semella ter hoxe pouco percorrido. Así e todo, a demostrada relación das linguas máis próximas a nós a través dun antepasado común, o indoeuropeo, deixa un postigo aberto á hipótese dunha lingua primixenia cunha relación entre contido e expresión moito máis natural, se alguén quixese pescudar máis aló tempo atrás do sánscrito. Esa hipotética relación natural explicaría por que algunhas palabras lles parecen aos falantes intrinsecamente fermosas. Porén, mentres ningún erudito estableza tal relación, debemos pensar que os falantes escollen ou ben por razóns puramente fónicas ou ben con maior peso da semántica.

Iso é o que ao parecer detectou Alonso Montero nunha sondaxe na que incluíu a políticos. Queixábase nun artigo (Culturas, 6/5/2006) de que «non entenderon que se trataba dunha enquisa estética, non ética», ante termos como amor, justicia, paz ou libertad, escolleitos por estes, pero semella moi difícil esquivar o peso do contido na emoción da palabra. Se tratásemos de obxectivar a estética dos sons, non estarían as vogais o, u (de pronuncia grave e escura) por diante de a, e, i. Pero alí tedes a vitoriosa bolboreta. Ao preguntármonos por que, pensamos que é debido a que o bolbor da palabra é onomatopea do seu bater de ás ao tempo que sinestesia dese movemento. E alí están pomba, que soa coma un estoupido; ou ledicia, de vogais tan sonoras, pero con ese ce fricativo que apaga a musicalidade do resto da palabra; a folerpa, onomatopea da neve ao caer; ou o orballo, de pronuncia gris e devagar como o día que orballa. En cambio non están, por exemplos que se nos ocorren, lívida, esdrúxula de ritmo cantareiro e ledo, nin libeliña, agarimosa expresión dun ser colorido como a bolboreta.

Que nos falantes que teñen o castelán por lingua materna é a comparación o que pesa parécenos indubidable. É claro no caso de voces de difícil translación ao castelán, como enxebre ou morriña, pero tamén naquelas que, sen unha sonoridade agradable, resultan máis expresivas ou sorprendentes que as traducións, como luscofusco, axóuxere, vagalume, lóstrego ou treboada. En que poida consistir esa sorpresa habería que buscalo, quizais, nalgunha conexión entre expresión e contido das que os estudosos da lingua renuncian a pescudar.

Dende logo, non todos os lingüistas opinan igual. Para mostra, unhas palabras de Walter Porzig: «Como pode pensarse, en xeral, unha relación natural dunha palabra co seu obxecto? Pois ben, unha palabra é, ante todo unha imaxe sonora, e unha gran parte das cousas do mundo son sons ou nos chaman a atención polos sons que produce. Así é posible imitar o mundo dos sons por medio dos son da linguaxe».

A enquisa de A Voz na Escola de 1993

Antes de que finalizara o concurso escolar de A Voz na Escola que, lembremos, concitou a participación de máis de vinte mil alumnos, o suplemento (que daquela se publicaba, en galego, en paralelo con La Voz de la Escuela) tirou un número, o 9 de xuño, cunha dobre páxina na que figuraban 36 decálogos (así os chama Xesús Alonso Montero) remitidos por outros tantos centros escolares de toda Galicia. Reproducimos aquí, xunto coas dez palabras máis votadas, unha mínima representación de esta participación.

Decálogo gañador: bolboreta, ledicia, agarimo, andoriña, morriña, natureza, amor, pomba, vagalume, bágoa.

CP Doutor López Suárez (Friol): gaivota, agarimo, bolboreta, ledicia, tartaruga, principiño, andoriña, fervenza, anaina, panxoliña.

IFP Ribadavia: lúa, paixón, sorriso, namoriscado, tenrura, pombiña, quérote, miudiño, esvelto, solidariedade.

CP de Abadín: Pelegrín, xacobeo, folerpa, andoriña, obradoiro, corazón, cunca, lembranza, meniño.

CP Virxe da Barca (Muxía): áncora, arroaz, bágoa, castiñeiro, curuxa, gamela, laverca, nai, trasgo, xílgaro.

actividades a partir dunha oda ás voces máis belas

Oda ás palabras

Compuxo o profesor Alonso Montero unha oda coas cento dez palabras máis fermosas do galego, a partir da cal propón algunhas actividades para estudantes. Nós recollemos só uns poucos versos (do final do poema), que conteñen cinco desas palabras e propómosche outra actividade distinta.

Así pois, […]

cómpre anainar estas verbas

nun berce feito de ouro.

Quen as coñeza todiñas,

quen as colla no seu colo,

quen as recite con xeito,

quen as rece en ton devoto,

quen sinta o seu agarimo,

quen as soñe nos seus soños

terá fartura no espírito 

e na memoria un tesouro.

Actividade

Nestes versos (do final da oda composta por XAM a partir das palabras recolleitas) aparecen subliñadas cinco palabras das consideradas entre as cento dez máis fermosas do galego: anainar, berce, colo, agarimo e soños. Propómosche que, a partir delas, escribas ti un poema breve, que pode ser de non máis de catro ou cinco versos.