É tan malo o aceite de palma?

Bibiana García Visos

LA VOZ DA ESCOLA

El aceite de palma, que se obtiene de la fruta de la palma aceitera, en crudo es una fuente de vitamina E
O aceite de palma, que se obtén da froita da palma aceitera, en cru é unha fonte de vitamina E

Case a metade dos produtos á venda nun supermercado contéñeno, e nin as autoridades sanitarias europeas, nin as americanas, nin a Organización Mundial da Saúde hano prohibido

26 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A comezos deste abril, as grandes cadeas españolas de supermercados empezaron a eliminar dos seus andeis produtos alimentarios con aceite de palma. A medida chegaba despois de meses de titulares sobre os seus efectos no corpo humano e de que a empresa SuperSano aumentase as súas vendas un 20 % tras retiralo totalmente dos seus doce establecementos en España. O aceite de palma está en dúbida, pero ata que punto é perigoso para a saúde?

O aceite de palma é un aceite de orixe vexetal que se obtén da froita da palma aceitera. O froito desta palma é lixeiramente vermello, polo que o seu aceite sen refinar mantén esa cor. Tamén o aceite cru de palma é unha fonte rica en vitamina E.

A industria alimentaria usa de forma masiva este aceite porque a súa produción é barata. Ademais ten outras vantaxes, como ausencia de cheiro, textura untuosa, efecto de conservante natural ou resistencia térmica (cun punto de fusión próximo á temperatura corporal, permite que o chocolate se derreta na boca). Todo isto fai que case a metade dos produtos á venda nos supermercados conteñan aceite de palma. Entre 1999 e o 2014 a súa produción triplicouse e representa preto do 40 % de todo o aceite vexetal usado no mundo. É posible atopalo en alimentación (galletas, bollería, cereais de almorzo, tentempiés, chocolates, precocinados, margarina, gominolas...), cosmética (xabóns, cremas...) ou combustibles (biodiésel).

GRAXAS SATURADAS

A mala noticia sobre o aceite de palma é que, aínda que de orixe vexetal, é rico en graxas saturadas, igual que produtos de orixe animal como carnes, embutidos, leite enteiro e os seus derivados (queixo, xeados...).

As graxas son nutrientes esenciais para o bo funcionamento do corpo humano. Forman parte das estrutura das células, son necesarias para a absorción de vitaminas e constitúen unha importante fonte de enerxía (achegan 9 kilocalorías por gramo, fronte ás 4 kcal do gramo de proteínas ou hidratos de carbono). Hai diferentes tipos de graxas nos alimentos, unhas máis recomendables que outras. As denominadas graxas saturadas están relacionadas co risco de padecer enfermidades no sistema circulatorio. Mentres que as chamadas graxas insaturadas, como o aceite de oliva, o de girasol ou o que posúen os peixes, protexen ao organismo fronte a estes problemas de saúde.

NORMAS NUTRICIONAIS

As pautas sobre nutrición recomendan que o consumo de graxas na nosa dieta non supere un 30 % do total e non máis dun 10 % se as graxas son saturadas. Aquí aparece o problema do consumo masivo de aceite de palma, cos seus ácidos grasos saturados incluídos en produtos alimentarios. Se superamos de forma habitual a recomendación do 10 %, o colesterol malo (LDL) aumenta e tamén o risco de desenvolver enfermidades circulatorias como a aterosclerosis, que é a aparición de placas de graxa adheridas ás arterias. Aínda así, nin as autoridades sanitarias europeas, nin as americanas, nin a Organización Mundial da Saúde prohibiron o aceite de palma.

Parece que a clave dun bo consumo está na cantidade. Na alimentación dun adulto deberían predominar aceites como o de oliva ou girasol, ricos en acedos grasos insaturados. Para iso, debemos tomarnos a molestia de mirar as etiquetas dos produtos que consumimos.

PRESIÓN SOCIAL

Empurrada pola presión social, a industria alimentaria eliminou primeiro o uso masivo de graxas animais, como a manteiga de porco, na elaboración de produtos. De aí pasou a utilizar aceites vexetais hidrogenados, con acedos grasos trans, que resultaron máis prexudiciais para a saúde que os acedos grasos saturados. Chegou entón a opción do aceite e a graxa de palma... ata agora. Poderá a industria da alimentación atopar un substituto saudable e barato?

Un consumo non recomendable para o medio ambiente

O consumo masivo de aceite de palma non é recomendable para a saúde, pero tampouco para o medio ambiente. A palma aceitera crece en zonas tropicais de África, Asia e América, onde ademais os custos de produción do aceite de palma son moi baratos. O seu cultivo intensivo en países como Indonesia e Malaisia provocou a destrución de grandes bosques tropicais, pondo en perigo de extinción ao orangután.

En 1900 había uns 315.000 orangutáns en todo o mundo, pero na actualidade quedan menos de 15.000. E non son os únicos afectados pola destrución e deterioración dos hábitats propios de selvas tropicais. Tigres, rinocerontes, elefantes, tapires ou osos corren un grave perigo, sen esquecer o resto das especies de insectos, aves, plantas ou microorganismos.

QUECEMENTO GLOBAL

Ademais, os bosques tropicais reteñen o dióxido de carbono (CO2), un dos principais gases de efecto invernadoiro implicados no quecemento global do planeta. Coa queima dos bosques para substituílos por cultivos de palma aceitera, libérase o CO2 que contiñan.

actividades 

Busca nas etiquetas dos produtos que consumes a diario os ingredientes cos que están elaborados. Conteñen aceite de palma? Crees que a túa alimentación supera o consumo de graxas saturadas recomendado?

O aceite de palma pode aparecer cos seguintes nomes nas etiquetas: aceite de palma, aceite de palmiste, graxa vexetal (palma), graxa vexetal fraccionada e hidrogenada de palmiste, sodium palmitate, estearina de palma (palm stearin), palmoleina ou oleina de palma (palmolein), manteiga de palma ou «Elaeis guineensis» (nome científico da palma aceitera).

PARA CURIOSOS

A doutora en Comportamento Animal María Suárez explica como o aceite de palma provén na maioría dos casos de plantacións non sostibles, que acaban co hábitat dos orangutáns. Charla en TEDxGijon «Orangutáns e consumo responsable»: http://bit.ly/2oqAKTC