Reunión de correspondentes xuvenís de toda Galicia

Experiencias xornalísticas a pé de aula

A actividade voluntaria Correpondentes Xuvenís 3.0, na que participan este ano 547 alumnos distribuídos en 86 centros educativos, promociona a difusión de información de interese para a xuventude


E os alumnos convertéronse en xornalistas. E non por un día, senón por todo o que dura un curso. E fixérono como correspondentes xuvenís 3.0. Unha iniciativa que naceu no curso 2013-2014 e que se expande: hai catro anos en Galicia había 198 correspondentes xuvenís en 26 centros, e hoxe son 547 distribuídos en 86 centros educativos. Un deses é o CPD Nuestra Señora del Carmen-Atocha, á saída de Betanzos rumbo a Lugo e Castela, con 340 alumnos en números redondos. Aí, a orientadora, Mari Carmen Mariño, leva dous anos coordinando os sete afeccionados ao xornalismo. «A experiencia xa foi moi positiva de primeiras, e por iso repetimos -reflexiona-. Permite aos adolescentes coñecer as novas de primeira man». Empezaron cun panel informativo, pero este ano deron o salto ás redes sociais: «Antes eramos os profesores quen entrabamos e informabamos, agora son eles os que están activos e pendentes».

Dende a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que é onde se coordina esa iniciativa nas aulas, a súa titular, Cecilia Vázquez, di que «a participación da mocidade é un moi bo medio para que acaden unha maior autonomía». No terreo concreto, iso quere dicir que os correspondentes xuvenís actúan como mediadores da información da mocidade nos centros. Os números parecen apoiar iso: o 62 % dos seus compañeiros cren que esa información que lles transmiten é «de alto valor».

O espírito solidario, o traballo en grupo e, curiosamente, o respecto polo medio natural son os valores que máis aparecen como resultado dese traballo desinteresado: o único ben material que vai acadar o participante é un certificado e un par de carnés, pero en ningún caso outro tipo de recompensa como premios ou viaxes.

OS MELLORES XORNALISTAS

A iso hai que lle sumar o premio ao mellor xornalista infantil e xuvenil, certame que vai polo seu 14.º ano. Convócao o Programa Prensa-Escuela (as bases, en www.prensaescuela.es). É dicir, unha invitación a todos os alumnos dende infantil a bacharelato (¡incluídos!) a pulsar o seu espírito xornalístico con traballos tanto en galego como en español. O prazo para gañar unha viaxe a Londres o unha visita a Port Aventura ou ao Parque Warner (sempre para catro persoas), entre outros, está aberto ata o día 30 deste mes.

O pasaporte solidario, unha ferramenta danesa para educar en valores por toda Galicia

CEIP Condesa de Fenosa, no Barco. Doce da mañá con moito sol fóra. Alumnos de varias clases xúntanse no salón de actos para facer unha posta en común sobre o pasaporte solidario, unha iniciativa que hai xa oito anos voou dende Dinamarca a Galicia para asentarse na comunidade da man da Xunta. Máis de 1.800 alumnos galegos téñeno este ano e traballan con el. «No noso caso, recibimos unha comunicación por correo electrónico, decidín probar eu e logo falando con compañeiras de claustro outras máis se anotaron», relata Carmela, profesora de dito CEIP.

Alberto Fraile, profesor de Relixión no colexio San Narciso, de Marín, é repetidor coa experiencia. «É unha ferramenta máis, transversal, para traballar en valores, e todo o que sexa reforzar valores agora mesmo é non só interesante, senón moi necesario». Da mesma opinión é, dende o barrio ferrolán de Caranza, a profesora Teresa Filgueira, de La Salle: «As actividades solidarias son iso, transversais, e moi importantes na educación en valores», aspecto este último que defenden con forza no seu centro. Ao igual que o fai Nosa Señora do Rosario (Arzúa) baixo a dirección de María de los Ángeles Santamarta.

Pero ¿que é o pasaporte solidario? Pois iso, un pasaporte onde constan os datos persoais do alumno e que nas súas páxinas ten propostas de actividades solidarias. Sen dificultade algunha, pero, como recalcaba Alberto Fraile, «chegan ao fondo dos rapaces». A execución de cada actividade debe ir garantida pola sinatura do profesor, se se fixo no centro, ou dun dos pais, se o escenario foi fóra do horario escolar.

O CEIP Plurilingüe de Tui estréase este ano co pasaporte solidario. É o centro máis veterano desa antiga capital de provincia, e reborda de actividades solidarias. Como tamén está en primeira liña Os Casais de Maniños e como tantos outros, unha relación imposible de facer constar nunhas liñas. Pero o resumo é claro, e teno na punta da lingua Teresa Filgueira: «Esta é unha actividade que nos axuda a educar en valores. Tan sinxelo como iso».

Un concurso fotográfico para entender as nubes

«Entendendo as nubes». Ese é o lema dun concurso de fotografía convocado pola Consellería de Medio Ambiente para conmemorar o Día Meteorolóxico Mundial (o pasado 23 de marzo). Está dirixido a todos os centros de ensino de Galicia (infantil e primaria, na primeira categoría, e secundaria e formación profesional na segunda ). Cada centro pode mandar a administracion.meteogalicia@xunta.gal un máximo de tres fotografías nas que se valorará a orixinalidade e o seu valor artístico. Non poderán estar retocadas informaticamente.

¿E por que as nubes? A directora xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, María Cruz Ferreira, manifestou que as nubes, ademais de seren fonte de inspiración de poetas e artistas, son, de feito, unhas das principais incógnitas do estudo do cambio climático. «Teñen un papel decisivo no ciclo de auga e na estrutura da distribución total dos recursos hídricos», engadiu.

O 24 de maio acaba o prazo de presentación.

As bases enteiras atópanse en http://bit.ly/2o7QKua

 

Votación
0 votos
Etiquetas
Xunta de Galicia Prensa-Escola Voluntariado Parque Warner Port Aventura Cambio climático Fenosa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas Meteogalicia Londres Reino Unido Betanzos Arzúa Tui
Comentarios