Videoxogos e desenvolvemento da intelixencia

La Voz

LA VOZ DA ESCOLA

Según un reciente estudio, dos horas semanales son suficientes para obtener todos los beneficios mentales que un videojuego puede aportar
Segundo un recente estudo, dúas horas semanais son suficientes para obter todos os beneficios mentais que un videoxogo pode achegar Walden Kirsch

Un debate a tres que busca tamén resposta na túa propia experiencia

19 oct 2016 . Actualizado ás 04:00 h.

Tres noticias sérvennos hoxe de portada. Unha que pon en discusión as mensaxes que de cando en vez aparecen na publicidade que levan consigo algúns videoxogos sobre o desenvolvemento da intelixencia. Outra noticia, produto tamén da investigación, que centra a discusión indicando as súas vantaxes, a condición de que se respecten os tempos da súa práctica por parte dos usuarios novos e infantís. E unha terceira consideración de índole pedagóxica: sexa cal for a investigación de científicos profesionais, que poden achegar as técnicas utilizadas nos videoxogos para captar o interese e aprendizaxe tan rápida que producen, neste caso, nos alumnos, tan remisos ás veces na aprendizaxe de aula?

1. Adestramento e desenvolvemento da intelixencia? Na súa edición de outubro, a revista norteamericana The Atlantic (2016) publica os seguintes resultados: sete profesionais da psicoloxía afirman que «existe pouca evidencia sobre o adestramento e desenvolvemento da intelixencia que poida producir a utilización práctica dos chamados brain-training games». Afirman que se ti repites unha operación mental ?memorizar, por exemplo, unha cadea de números? logras ser un experto niso. Pero que pasa se, tendo empregado uns minutos nesa anterior operación, tes agora que memorizar unha serie de números de teléfono, lembrar feitos importantes para un exame ou lembrar mentalmente unha serie de rostros?

Esta é, din, a sedutora propaganda da industria que promove este tipo de videoxogos e que ofrecen o desenvolvemento das habilidades mentais na memoria, na atención, logrando unha maior velocidade no proceso de recoñecemento dos perigos ou das oportunidades que che rodean para aumentar a túa intelixencia e tomar decisións rápidas e seguras.

2. Dúas horas de videoxogos semanais son beneficiosas. E nove horas causan problemas saúde. O adestramento coas contornas virtuais e de computador mellora as habilidades motoras e o rendemento escolar (La Voz, 6/9/2016). Dúas horas de videoxogos á semana son beneficiosas, pero xogar nove horas semanais asóciase a problemas de conduta e menos habilidades sociais, segundo un estudo realizado por investigadores do Hospital do Mar e do Instituto de Saúde Global (ISGlobal) de Barcelona, que orienta sobre cantas horas á semana son as apropiadas para nenos en idade escolar e que foi publicado na revista científica Annals of Neurology. O traballo, liderado polo doutor Jesús Pujol, médico do servizo de radioloxía do Hospital do Mar e investigador do Instituto Hospital do Mar de Investigacións Médicas (IMIM), e coordinado polo doutor Jordi Sunyer, do ISGlobal, consistiu en investigar a relación entre as horas á semana dedicadas a xogar aos videoxogos e certas habilidades intelectuais e problemas de conduta en 2.442 nenos de entre 7 e 11 anos. Segundo os seus resultados, os nenos que xogan con videoxogos teñen mellores habilidades motoras e un mellor rendemento escolar, aínda que dúas horas á semana son suficientes para obter estes beneficios.

 actividades

A1. E imos coa terceira idea: No que non cabe dúbida, polo menos no noso ámbito escolar, é no interese que suscitan nos alumnos de case todas as idades.

 A2. Destacan, entre outros, estes puntos principais: o obxectivo que se pretende conseguir en cada xogo, os mecanismos que axudan a conseguilo, os fallos que impiden logralo, os remedios e mellora que se logra co exercicio.

A3. O estímulo para conseguir novas metas que cada vez che estimulan con novos retos.

A4. A idea de compartir xuntos o mesmo xogo e axudarse a lograr en grupo o que outros xa conseguiron. Algunha máis?