O patrimonio da Pobra ábrese ao mundo cunha aplicación do Concello e unha web de rutas a pé

ribeira / a voz

BARBANZA

O menú está separado en diferentes pestanas organizadas por temas: Lecer, Durmir, Comer, Patrimonio, Rutas ou Como Chegar

05 ene 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Xa sexa pola serra, ou bordeando o mar, o patrimonio natural da Pobra, ademais do histórico, xa conta cun novo trampolín para promocionarse a través das novas tecnoloxías. Trátase, en concreto, de dúas ferramentas que foron presentadas onte, a última hora da tarde, no auditorio Valle-Inclán, e que, sin duda, supoñen un paso importante para dar a coñecer os atributos do municipio nun formato non utilizado ata agora.

O proxecto que máis contidos reúne é unha aplicación que se chama A Pobra, e que se localiza no buscador de descargas introducindo o nome do concello e o termo «turismo». Unha vez descargada, o usuario xa pode facer uso dela, aínda que por agora non está a funcionar a pleno rendemento. O menú está separado en diferentes pestanas organizadas por temas: Lecer, Durmir, Comer, Patrimonio, Rutas ou Como Chegar. Ademais, existe o apartado Noticias, que, segundo informaba onte a concelleira Charo Varela, irase actualizando cíclicamente para que os veciños e turistas coñezan toda a oferta de lecer da Pobra. A iniciativa foi financiada con fondos da Deputación e da Xunta.

Impulsar o sendeirismo

O outro proxecto presentado onte consiste na creación de dúas rutas de sendeirismo, ademais dunha páxina web con toda a información sobre o seu trazado e enclaves máis relevantes. Nesta ocasión, o investimento necesario para a súa posta marcha foi financiada polo Goberno galego e unha partida de fondos Feder. A dúas rutas deseñadas son longas, e unha delas divídese en dúas. Os usuarios que as percorran comprobarán que contan con 12 paneis informativos de varios tamaños feitos con piñeiro de abeto, e 80 postes que marcan a dirección a seguir. Toda a información sobre os percorridos xa está dispoñible na páxina web http://rutas.apobra.gal/.